O barrio de San Antonio prepara a Festa do Cocido, que será o sábado
O barrio de San Antonio de Lugo acollerá o próximo sábado (18 de xaneiro) a Festa do Cocido, organizada pola Asociación Cultural de Veciños e Comerciantes desta zona da cidade coa colaboración da Xunta.
O delegado territorial da Administración autonómica, Javier Arias, e representantes da entidade organizadora deron a coñecer as actividades previstas, que comezarán a partir das 14,00 horas nunha carpa situada fronte ao Centro Integral de Saúde (CIS).
Máis de 150 persoas fixeron xa a necesaria reserva previa para degustar o cocido. O programa complétase coa actuación da agrupación de música tradicional Os Xílgaros e con actividades dirixidas ao público infantil.
A Festa do Cocido dálles continuidade ás accións impulsadas dende Asociación Cultural de Veciños e Comerciantes de San Antonio de Padua co obxectivo de dinamizar o barrio, entre as que figura o I Mercadiño de Nadal que se celebrou o 14 de decembro con grande éxito e que contou tamén co apoio do Goberno galego.