O barrio do Castiñeiro de Lugo dá comezo ás súas festas patronais

LugoXa
As festas do Castiñeiro, que se estenderán ata o domingo, ofrecen un programa que combina tradición e participación cidadá
Festas-do-Castiñeiro-2025
6 Jun 2025

As festas patronais do barrio do Castiñeiro xa están en marcha e converterán durante toda a fin de semana esta zona de Lugo nun dos centros da actividade festiva da cidade.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, foi o encargado de dar o pregón de apertura, nun acto que deu inicio oficial a unhas celebracións que contan co apoio do Goberno galego e coa implicación activa da veciñanza.

No seu discurso, Arias fixo memoria da evolución do barrio, que creceu con forza a partir da expansión urbana do pasado século pero que, segundo subliñou, soubo manter vivo “o nome e o espírito” do antigo souto de castiñeiros que lle dá identidade ao lugar. “Non foron varridos da contemplación nin da memoria”, asegurou, poñendo en valor a conexión entre o desenvolvemento urbano e o respecto polo pasado natural e simbólico da zona.

O delegado destacou tamén como, “á beira dos vellos castiñeiros”, se forxou un barrio vivo, con edificios, servizos, economía e actividade social, que cada ano cobra protagonismo durante as festas de San Antonio. Aproveitou para agradecer á asociación Nova Abella, organizadora dos festexos, e a todas as entidades veciñais que “crean comunidade promovendo espazos de encontro como este, ao servizo dos seus propios veciños, do seu barrio e da cidade”.

As festas do Castiñeiro, que se estenderán ata o domingo, ofrecen un programa que combina tradición e participación cidadá, facendo do barrio un punto de encontro esencial nestas datas para os lucenses.

⚙ Configurar cookies
0.1936891078949