O barrio do Castiñeiro de Lugo presenta o cartel das festas de San Antonio

A Delegación Territorial da Xunta en Lugo acolleu a presentación das festas patronais do barrio do Castiñeiro en honor a San Antonio, que se celebrarán esta semana, entre o xoves e domingo, co apoio do Goberno galego. No acto participou o delegado territorial, Javier Arias, que aproveitou para agradecer aos organizadores, a asociación de veciños Nova Abella, “a honra de que me propuxeran ser o pregoeiro”.
Os festexos comezarán ás 20,00 horas do xoves co pregón do delegado territorial e a partir das 22,00 horas iniciará a súa actuación a orquestra Panorama. Na verbena do venres actuarán o Combo Dominicano, DJ Marcos Peón e Casanova. O sábado pola mañá haberá sesión de zumba e sesión vermú, e pola noite actuarán a orquestra Cinema, DJ Jacobo Gómez e DJ Ello.
O domingo ás 11,00 horas terá lugar na praza do Castiñeiro unha concentración de coches clásicos. Pechan o cartel a sesión vermú e a actuación de DJ Pedro Bermúdez pola tarde.
Arias destacou o apoio da Xunta a numerosos eventos lúdicos e culturais na cidade de Lugo, “non só a grandes citas como pode ser o Caudal Fest, senón tamén a outros como son as festas dos barrios, contribuíndo a dinamizalos e a manter vivas as nosas tradicións”.