O barrio do Sagrado Corazón prepárase para unha xornada festiva organizada pola asociación veciñal

O barrio do Sagrado Corazón vivirá unha xornada chea de animación este sábado 28 de xuño grazas á organización das festas promovidas pola Asociación de Veciños, que contará co apoio da Xunta de Galicia.
O programa foi presentado polo delegado territorial da Xunta, Javier Arias, e o presidente da entidade veciñal, Alfonso Ibias, quen detallaron as actividades que se desenvolverán ao longo do día.
A xornada arrancará coa actuación do Trío Merengue ás 13:00 horas, que tamén será o encargado de amenizar a verbena a partir das 22:00 horas. Pola tarde, a programación estará centrada nos máis pequenos, que poderán gozar dende as 17:00 horas con xogos tradicionais, pintacaras, globoflexia e outras propostas lúdicas pensadas para o público infantil.
Durante a presentación, Javier Arias salientou o traballo da asociación organizadora “por promover iniciativas coma esta, que dinamizan a vida social dun barrio tan emblemático como é o Sagrado Corazón”.
Ademais, lembrou o compromiso do Goberno galego coa zona, cun investimento sostido en proxectos que transformarán o barrio, como a construción do novo centro de saúde ou o desenvolvemento urbanístico previsto para habilitar 120.000 metros cadrados de solo destinado a unhas 1.200 vivendas de promoción pública.