O Belén de Begonte incorpora tres novas figuras na Semana de Cine de Lugo

LugoXa | TerraChaXa
Estas tres pezas, que combinan arte, memoria e simbolismo, poderán verse na edición do Nadal de 2025
presentacion-novas-figuras-do-belen-de-begonte
24 Sep 2025

A Semana de Cine de Lugo acolleu este martes, un acto moi especial en homenaxe ao Belén de Begonte, que este ano celebra 53 anos de historia. Na Delegación Territorial da Xunta en Lugo, e antes do inicio das proxeccións do ciclo O Nadal en setembro, presentáronse as tres novas figuras que se estrearán no Belén o vindeiro Nadal.

No acto participaron o director provincial de Cultura da Xunta, Manuel Antonio Fernández Piñeiro, e o alcalde de Begonte, José Ulla, que destacaron a relevancia cultural e sentimental deste nacemento, símbolo do Nadal chairego. Tamén estiveron presentes os autores das novas pezas: Domingo López Rodríguez Chomin, Ricardo Segundo López Méndez e Ero Telmo Vázquez Cabrera.

A primeira das incorporacións é a reprodución da Casa-Museo de Víctor Corral, obra de Chomin. Veciño do barrio da Ponte en Lugo e mestre no traballo do cortizo, Chomin elaborou unha fiel maqueta deste espazo emblemático de Baamonde, que acolle a obra do escultor Víctor Corral, fillo predilecto de Begonte falecido en 2021. A peza serve como homenaxe á súa figura e á súa achega á cultura da Terra Chá.

A segunda novidade é unha noria movida por un cabalo, realizada polo escultor e profesor Ricardo Segundo López Méndez. Esta peza, de elaboración minuciosa, simboliza o esforzo do traballo rural e a importancia da auga como elemento esencial para a vida, transformando o xiro constante dos canxilóns nunha metáfora da forza vital do Belén.

Por último, o creador audiovisual Ero Telmo Vázquez Cabrera, de Trécola Producións, presenta o “Belén dentro do Belén”, un complexo conxunto de figuras que recrea, en miniatura, as propias escenas do nacemento. Inspirado na tradición do “teatro dentro do teatro”, a obra convida a reflexionar sobre os límites entre realidade e ficción, mentres Varela, creador do Belén, e os irmáns José e Jesús Domínguez Guizán observan a representación da súa devoción.

Estas tres pezas, que combinan arte, memoria e simbolismo, incorporaranse ao Belén de Begonte no Nadal de 2025, reforzando a súa condición de referente cultural e patrimonial da provincia de Lugo.

⚙ Configurar cookies
0.10111498832703