O Biosbardo imponse no Campionato Galego de trail en distancia maratón
Tivo lugar en Muras o Campionato Galego de trail en distancia maratón, onde a Federación Galega de Atletismo poñía en xogo os títulos galegos no Trail das Bestas. Cos seus 44 quilómetros e 4200 metros de desnivel acumulado o evento percorre a Serra do Xistral, caracterizada pola súa dificultade de paso e autenticidade como é o paso por zonas de turbeira.
Loitando ata o final, aspirando a todo, Marcos Pascual liderou a proba ata o quilómetro 37, véndose soamente superado nos últimos quilómetros da proba entrando os 3 primeiros en moi pouca marxe de tempo, con vitoria do Sadense Moncho Muiños. Bronce absoluto para Marcos e campión galego M40.
Entrando cunha carreira impresionante e un 5o posto na xeral Fran Pascual facíase co subcampionato de categoría, correndo de menos a máis. No propio campionato galego tiveron a Jonathan Pérez que entraba na 8ª posición absoluta mentres que por unha das aspirantes, Fanny Abelenda, se tiña que retirar por problemas gástricos.
Dominio Biosbardo na proba feminina, onde Tamara García e Kenia Estrada non deron opción, impuxeron o seu ritmo desde principio a fin amosando a súa superioridade e proclamándose campioa e subcampioa absolutas da proba. Emilio Montilla tamén se proclamaba subcampión absoluto, amosando un gran estado de forma e por qué se mantén constantemente entre os mellores especialistas de galicia. A seguinte cita oficial para o CD Biosbardo será no Trail Costa da Morte, o vindeiro 20 de xullo, en Malpica de Bergantiños.