O Biosbardo suma 6 novas medallas no II Trail Costa da Morte e no 10K Vila de Moraña
Unha fin de semana máis os deportistas do CD Biosbardo estiveron repartidos ao longo de diversas probas da xeografía galega. No tramo da “Ruta dos Faros” que pertence ó concello de Malpica, desde Punta Nariga, realizouse o II Trail Costa da Morte, proba oficial da clasificación galega da FGA, constando dun total de 29 quilómetros e 1100 metros de ascenso na mañá do sábado 20 de xullo.
Gran carreira de Tamara García, campioa absoluta, controlando desde o principio a intensidade da proba, cunha colocación prudente nos primeiros quilómetros facilitando subir o ritmo no treito final e así facerse coa vitoria incontestable nesta proba. Este resultado afianza a Tamara no podio galego, subindo un posto na xeral e colocándose como a No4 de Galicia. Boa carreira de Marcos Pascual, que afianza o seu posicionamento dentro dos mellores de Galicia como subcampión absoluto.
Tras perderse no primeiro bucle por falta de sinalización o noso deportista tivo que manterse constantemente detrás doutro corredor, neste caso detrás do gañador, Rubén Gómez, coñecedor de gran parte do percorrido. Gran carreira de Emilio Montilla, entrando como 5º na xeral co seu compañeiro de equipo, Iván, afianzando a súa preparación de cara ás seguintes citas. Carreira controlada de Iván Sangiao, bronce máster A, que retoma a súa actividade competitiva chegando a meta a moi poucos segundos do podio absoluto e acompañado do seu compañeiro.
Porén dende a entidade consideran inaceptable que unha proba oficial dentro do calendario federado se desenvolva sen os mínimos regulamentarios, carente de marcaxe mínima tal e como obriga o regulamento, e por tanto de seguridade para os corredores. “O feito de non estar balizada condicionou a carreira a tal extremo que o subcampión, Marcos Pascual tivo que manterse detrás de outro corredor por medo a perderse.
A carencia de indicacións, a falta de seguridade e outras eivas no propio evento foron a gran nota negativa no que tería que ser un gran evento deportivo”, sinalan. Na vila Pontevedresa de Moraña, como preludio da festa do carneiro ó espeto tivo lugar o domingo 21 de xullo o 10K Vila de Moraña Carreira do Carneiro ó Espeto, unha tradicional dentro do calendario galego.
Carreira moi intelixente de Enara Fernández, subcampioa máster, que volta a unha proba oficial de ruta despois de meses enfocada na especialidade de trail running. Cunha boa xestión de carreira, a de Caldas subiu o ritmo nos últimos quilómetros para facerse coa segunda praza de categoría. Segunda carreira de Iván Sangiao, bronce máster, durante esta fin de semana, facéndose cun bronce de categoría Master A.