O Biosbardo suma dous podios absolutos e 4 medallas individuais
Novo campionato Galego para o C. D. Biosbardo no que unha vez máis as e os atletas amosaron un gran nivel e sobre todo un gran traballo colectivo. Esgos acollía o domingo 16 de xuño o Campionato galego de Carreiras de Montaña, nun trazado rápido de 17 quilómetros no formato regulamentario: subir e baixar. Ó mesmo tempo a proba formaba parte do calendario da modalidade “classic” da Federación Galega de Atletismo sendo o evento considerado como máis curto e explosivo.
O percorrido partía do centro da localidade, pasando polo Santuario de Rocas e coroando na cima da capela da Virxe do Monte, cun descenso vertixinoso ata o mesmo centro do concello ourensán. Nel sumaron dous podios absolutos e 4 medallas individuais. Carreira forte para Tamara García, onde se mantivo en persecución constante durante toda a carreira cedendo uns segundos tan só na última subida que non se puideron recuperar na baixada cun final de infarto, propio dun campionato galego.
Co seu bronce Tamara sobe ata o 5º posto da clasificación galega de trail running da Federación entrando en postos de selección galega. Federico Losada suma un bronce absoluto e título Master 45. Estratexia clara, cunha remontada na última metade de carreira que o metía no podio; moi bo rendemento e planificación. Con este resultado ‘Fico’ colócase como líder do Ranking Galego de Trail Running. Pola súa parte, moi preto dos podios absolutos e co premio das medallas por categoría estiveron Emilia Montilla, que foi campión galego Master 50.
Marcos Pascual coroábase como subcampión Galego Máster 40, quedando tan só a uns segundos do título autonómico, que se escaparía na última baixada. Marcos pecha o ‘Top 5’ da clasificación estando en postos de Selección. Kenia Estrada facíase co bronce galego M40 e estreábase nun campionato oficial do mellor xeito tras o seu debut.