O BNG acusa á Xunta de non ter un proxecto claro para Lugo e de atacar ao comercio local

A deputada do BNG no Parlamento galego, Montse Valcárcel, criticou duramente á Xunta de Galicia ao asegurar que “demostra cada día que non ten un proxecto claro para Lugo”.
Así o manifestou tras o debate plenario desta semana, no que o conselleiro Diego Calvo defendeu a conexión en autobús entre a cidade de Lugo e un centro comercial situado na Coruña, unha proposta que, segundo Valcárcel, “afecta directamente ao pequeno comercio de Lugo, especialmente ao ubicado no centro da cidade”.
A deputada nacionalista reafirmou a súa defensa do comercio local lucense, cualificando esta iniciativa como “un dos maiores ataques que se lle pode facer ao comercio local” e unha medida “totalmente surrealista”.
Desde o BNG tamén se criticou que, mentres se impulsa unha conexión cun centro comercial externo, a Xunta estea recortando outros servizos esenciais, como o transporte a demanda para persoas con mobilidade reducida, “un servizo que fora implantado cando o BNG gobernaba na Xunta de Galicia”.
Valcárcel acusou ademais ao goberno autonómico de ter só dous tipos de medidas para Lugo: “os conselleiros do PP veñen á nosa cidade ou ben para presentar propostas surrealistas como este autobús a un centro comercial, ou para vender como grandes novidades proxectos paralizados desde que o PP chegou ao goberno no ano 2009”.
Neste sentido, referiuse á recente visita da conselleira de Vivenda, que anunciou un novo concurso de ideas para o Pazo de Dona Urraca. Segundo a deputada do BNG, este concurso “xa se celebrara durante o mandato do BNG na Xunta, pero foi paralizado polo PP ao chegar ao goberno, malgastando diñeiro público en indemnizacións á empresa adxudicataria do proxecto”.