O BNG acusa ao alcalde de adxudicar o bar das piscinas "a dedo"

LugoXa | TerraChaXa
Esixen un concurso público e reclaman que non se fixeran os trámites necesarios para abrilas este verán
visita-obras-piscinas-santa-isabel-outeiro
Visita obras a Santa Isabel. Imaxe de arquivo
30 Xul 2024

O pasado 5 de xullo, un día antes da Romaría da Santa Isabel, a Alcaldía fixo a concesión para a explotación do bar das piscinas municipais a unha persoa "afín ao alcalde, sen que existira ningún tipo de concurso público nin publicidade previa", tal e como subliña o BNG.

Afirman que este convenio, que se fai en principio pola duración da temporada, vai ser completamente gratuíto, pois o concello non ingresará ningún tipo de remuneración polo bar da piscina que é de toda a veciñanza. "Iso ocorre a pesar dos graves problemas económicos polos que está a atravesar o concello nestes momentos".

"Ademais disto, chama poderosamente a atención que con antelación á sinatura do convenio de explotación, a persoa agraciada xa estivera publicitando nas redes sociais a apertura do citado bar, co logo xa deseñado e tendo xa buscadas as persoas que ían traballar nel durante as festas de Outeiro", engaden.

"Esta é a forma habitual de actuación do alcalde, para o cal os bens públicos pagados por toda a veciñanza están só para o desfrute e beneficio del e dos seus afíns, poñendo sempre por diante o seus intereses particulares sobre o ben común das persoas de Outeiro", din.

BNG esixirá un concurso público

Dende o BNG piden responsabilidades á Alcaldía por esta “cacicada”, esixindo ademais que se convoque un concurso público para que todas as persoas que queiran participar o fagan en igualdade de oportunidades.

“As piscinas custaron moitos cartos que pagamos entre todos e todas e non podemos permitir que se utilicen só para o beneficio do alcalde e do seu círculo de confianza”, continuaron dicindo os representantes do BNG de Outeiro.

"Toda esta situación contrasta coa realidade na que vivimos, que é que rematando o mes de xullo, as persoas de Outeiro non teñen unha piscina á que poder acudir", acusan.

As piscinas foron entregadas ao concello o pasado 31 de maio, "pero dende a Alcaldía non se foi capaz de facer os trámites necesarios para poder abrilas para o seu uso todo o verán".

"O sorprendente da situación é que isto non afectou ás instalacións do bar das propias piscinas, para o cal si se tivo o interese de telo perfectamente rematado e listo para poder inaugurarse para as festas de Outeiro", conclúen.

“Dende o BNG estamos seguros que se na Alcaldía se puxese o mesmo interese en ter listas as piscinas que en que o seu amigo tivera aberto o bar, agora a xente de Outeiro tería un sitio onde poder bañarse os días de calor”, remataron dicindo dende o BNG de Outeiro.

0.17148900032043