O BNG acusa ao PP de enganar sobre a rehabilitación de Vilar de Donas

LugoXa
A formación nacionalista afirma que o inmoble non podía optar ao Plan Turístico Nacional ao non ser de titularidade pública
mosteiro-Vilar-de-Donas
30 Oct 2025

O BNG de Palas de Rei denunciou que tanto o Partido Popular como o goberno municipal están, segundo a súa versión, inducindo a erro á veciñanza ao asegurar que o Mosteiro de Vilar de Donas xa contaba cun compromiso de financiamento estatal para a súa rehabilitación. A formación afirma que o monumento non puido ser incluído no Plan Turístico Nacional Xacobeo 21-22 debido a que non pertence ao patrimonio público, requisito imprescindible para acceder a estes fondos segundo o Real Decreto 1074/2021.

Nas últimas datas, o PP anunciara a súa intención de levar unha iniciativa ao Senado para reclamar o desbloqueo dunha axuda de 1,5 millóns de euros destinada á recuperación do inmoble histórico. En paralelo, o goberno municipal palense tamén demandara explicacións ao Ministerio de Turismo sobre esta subvención, que, segundo afirmara o alcalde, xa estaba comprometida. Con todo, desde o BNG aseguran que esta información é falsa, afirmando que o mosteiro continúa a ser propiedade do Bispado de Lugo, pese ao acordo de cesión existente co Concello, o que imposibilita o acceso a esta liña de financiamento estatal.

A organización nacionalista explica que chegou a esta conclusión tras solicitar documentación tanto ao Ministerio de Turismo como á Xunta, e sinala que o procedemento seguido polo PP e polo executivo local resulta “inadmisible”. O BNG considera que a vía máis efectiva para garantir a rehabilitación deste ben patrimonial pasa pola adquisición da titularidade pública do Mosteiro de Vilar de Donas, o que permitiría optar sen impedimentos aos fondos públicos destinados á protección e recuperación do patrimonio.

⚙ Configurar cookies
0.094098091125488