O BNG afea á Xunta trala crítica do estado de abandono do barrio da Tinería

LugoXa
O concelleiro de Infraestruturas lembrou que “o barrio da Tinería paralizouse dende a chegada de Feijoo ao goberno galego”
tineria lugo
31 Out 2021

O concelleiro de Infraestruturas do Concello de Lugo, Alexandre Penas, saíu ao paso das declaracións verquidas polo delegado da Xunta en Lugo, Javier Árias.

O delegado pedía ao Concello de Lugo axilidade e compromiso real para desbloquear as grandes actuacións no barrio da Tinería.

Así como solicitaba que se conceda xa a licenza de primeira utilización, solicitada hai meses, dos inmobles situados nas rúas Tinería 15 e Recanto do Miño 13, dous edificios que, trala súa rehabilitación por parte do IGVS, suporán un total de seis vivendas para outras tantas familias, un proceso que contribuirá á dinamización social do barrio.

Penas sinalou que “resulta lamentable que sexa o propio delegado que tente defender o indefendible e se ampare en trámites administrativos e burocráticos para xustificar a falta de investimeto na Tinería por parte da Xunta”. Penas lembrou que “o barrio da Tinería paralizouse dende a chegada de Feijoo ao goberno galego” e sinalou “que durante o anterior goberno foi o BNG quen fixo un importante esforzo para a rehabilitación e rehabitación do barrio formando parte dese mesmo goberno da Xunta”. Os investimentos foron paralizados coa chegada do PP ao goberno da Xunta.

En resposta ao anuncio da presentación de emendas aos orzamentos da Xunta para pedir máis fondos para A Tinería, Javier Arias considera que “por moito investimento que faga a Xunta de Galicia neste barrio, o Concello non nos deixa executar as partidas xa existentes. Proba delo é a situación de parálise que se vive no Concello e que afecta á maior parte de proxectos e plans para A Tinería”.

Penas lamentou que “sexa o delegado da Xunta quen xustifique uns orzamentos da Xunta para o ano 2022 que non contemplan partidas suficientes para o barrio da Tinería”. Un barrio que atesoura, para Lugo, numerosos restos arqueolóxicos e constitúe un importante polo de atracción turística dado o seu especial significado para a cidade. O concelleiro de Infraestruturas tamén fixo fincapé no “especial abandono” que padece Lugo e o “castigo” da cidade por parte do goberno de Feijoo.

Penas exemplificou a deixadez da Xunta coa nosa cidade coa falta de aporta por dous elementos singulares como son o barrio da Tinería e o Cuartel de San Fernando. “O barrio da Tinería, igual que o cuartel de San Fernando, terían que estar rehabilitados e cun uso concreto coa Xunta á fronte” dixo Penas e lamentou que “a Xunta, e concretamente Javier Árias, deberían volcarse con Lugo a pesares de que o PP non goberne nesta cidade tanto na Deputación coma no Concello”.

0.15784120559692