O BNG afea ao PP polos votos en contra a dúas mocións presentadas no último Pleno municipal

LugoXa
Buscaban defender o sector forestal galego e reforzar os servizos públicos de coidados ás persoas dependentes
pilar-bellon-corgo.bng
1 Aug 2025

O grupo municipal do BNG do Corgo lamenta profundamente o voto en contra do Partido Popular a dúas mocións presentadas no último Pleno municipal que buscaban defender o sector forestal galego e reforzar os servizos públicos de coidados ás persoas dependentes.

A primeira moción, centrada na situación crítica dos piñeirais galegos, alertaba da perda de 140.000 hectáreas nos últimos 15 anos e do risco de desaparición dos serradoiros nun prazo de 10 a 15 anos se non se actúa con urxencia. O BNG solicitaba a prórroga da moratoria ás plantacións de eucalipto e medidas contra as pragas que afectan ao piñeiro. “Estamos a falar dun sector que dá emprego a 7.400 persoas e que representa o 40% da madeira serrada de todo o Estado. O rural precisa políticas activas e decididas, non máis abandono”, sinalou a concelleira nacionalista Pilar Bellón.

A segunda moción denunciaba o desmantelamento do sistema público de atención á dependencia por parte da Xunta de Galiza. Con máis de 2.000 persoas agardando pola valoración da dependencia e un recorte de 17 millóns de euros no SAF en dous meses, o BNG instaba á Xunta a elevar o financiamento a 20 euros/hora e a reforzar a rede pública de residencias e centros de día. “O PP está a empobrecer o sistema público e a devolver os coidados ao fogar, recaendo novamente sobre as mulleres. Non podemos aceptar este retroceso nos dereitos sociais”, denunciou Pilar Bellón.

Desde o BNG do Corgo insisten en que ambas propostas buscaban solucións reais a problemas que afectan directamente á veciñanza, tanto no económico como no social, e cualifican o voto en contra do PP como “un acto de irresponsabilidade e desconexión coa realidade do rural”.

“Os coidados e o futuro dos nosos montes son cuestións de país, e non poden seguir sendo ignoradas polo Partido Popular”, concluíu Pilar Bellón.

⚙ Configurar cookies
0.16790294647217