O BNG alerta da redución de persoal médico no centro de saúde de Cervantes

O BNG denunciou a grave perda de atención sanitaria no concello de Cervantes, onde o centro de saúde de San Román pasará a contar con “un médico e medio”, cunha praza cuberta de maneira fixa e outra de carácter rotativo só algúns días á semana. A formación nacionalista considera especialmente preocupante esta situación nun municipio situado no corazón dos Ancares, cunha poboación moi dispersa e cunha idade media elevada, que precisa dunha atención sanitaria próxima, estable e continuada.
A deputada do BNG no Parlamento galego Olalla Rodil advertiu de que “o que está a acontecer en Cervantes é un exemplo máis do desmantelamento progresivo da sanidade pública no rural por parte da Xunta do PP”. Rodil subliñou que non se pode pretender atender un concello con estas características cun persoal médico insuficiente e inestable, xa que a rotación constante dificulta un seguimento axeitado das doenzas, rompe a relación de confianza coa veciñanza e supón un risco para a saúde, especialmente das persoas maiores.
Esta situación no centro de saúde de San Román engádese, segundo o BNG, aos recortes que xa se veñen sufrindo no consultorio de Doiras, o que agrava aínda máis a precariedade da atención sanitaria no conxunto do concello. A deputada nacionalista denunciou que se trata de veciños e veciñas que teñen que percorrer quilómetros por estradas complexas para acceder a un médico, polo que reducir recursos nestas zonas supón condenar a poboación a unha atención sanitaria de segunda categoría.
Desde o BNG esíxese á Consellaría de Sanidade que rectifique de inmediato esta situación, cubrindo as prazas necesarias con persoal estable e garantindo unha atención digna e de calidade tanto en Cervantes como no conxunto do rural galego. A formación anunciou que trasladará esta demanda ao Parlamento galego a través das correspondentes iniciativas.
Olalla Rodil animou tamén á veciñanza a mobilizarse para defender a sanidade pública, que cualificou como clave para garantir a vida no rural. Neste sentido, chamou á participación na manifestación convocada por SOS Sanidade Pública este domingo día 1 de febreiro en Compostela, sinalando que o que sucede en Cervantes se repite noutros concellos da comarca, con listas de agarda superiores aos quince días para acceder ao médico de cabeceira, falta de pediatras e servizos de urxencias saturados pola carencia de recursos, e reclamou poñer fin aos recortes nun dereito básico como é a saúde.