O BNG alerta de intervencións na Catedral de Lugo tras a instalación dunha megafonía

O Bloque Nacionalista Galego de Lugo vén de manifestar publicamente a súa preocupación pola situación xerada na Catedral de Lugo, declarada Ben de Interese Cultural e Patrimonio da Humanidade, despois das intervencións realizadas para instalar un novo sistema de megafonía.
A formación sinala que, aínda que se informou de que os danos xa foron reparados, considera “moi grave” que se chegase a executar unha actuación que implicou a perforación de elementos pétreos do monumento, chegando a contabilizarse arredor de medio cento de buratos visibles nun primeiro momento.
Desde o BNG advirten de que non se pode normalizar este tipo de intervencións nun edificio destas características, cun elevado valor histórico, artístico e patrimonial. Neste sentido, subliñan que a protección do patrimonio non pode depender de correccións posteriores, senón que debe basearse nunha planificación rigorosa e nunha execución exemplar desde o inicio.
A organización tamén pon o foco na falta de coherencia nos criterios aplicados ao impacto acústico e ás actuacións neste espazo histórico. Así, lembran que durante anos se limitaron actividades culturais e musicais por cuestións de ruído, mentres que neste caso se levaron a cabo intervencións que tiveron un impacto directo sobre o propio monumento.
Ante esta situación, o BNG de Lugo reclama máxima transparencia sobre as actuacións realizadas, así como garantías de que non se repetirán intervencións que poidan resultar agresivas para o patrimonio histórico. A formación insiste en que a defensa do patrimonio é unha responsabilidade colectiva e que non deben existir “dúas varas de medir” segundo quen promova as actuacións.
Os nacionalistas avanzan que continuarán vixiando esta cuestión e esixindo que a conservación da Catedral de Lugo, un dos principais símbolos da cidade, se sitúe sempre por riba de calquera outro interese.