O BNG analiza en Cervantes a crise da atención primaria no rural

O Bloque Nacionalista Galego de Cervantes organizou unha charla aberta coa portavoz de Sanidade do BNG no Parlamento galego, Montse Prado, na que se abordou a situación actual da sanidade pública, poñendo o foco especialmente na realidade da atención primaria nas zonas rurais.
Desde a formación nacionalista sinalan que o encontro adquiriu especial importancia nun contexto no que o concello atravesa unha situación sanitaria preocupante. Nos últimos meses, a veciñanza mobilizouse para protestar polo peche do consultorio de Doiras e pola falta de cobertura estable de prazas médicas no centro de saúde de San Román. Esta redución de servizos está a agravar a vulnerabilidade da poboación da montaña lucense, un territorio marcado polo envellecemento e pola dispersión, onde o acceso á atención sanitaria de proximidade resulta esencial.
Durante a súa intervención, Montse Prado explicou que o principal problema do sistema sanitario galego non reside na falta de profesionais, senón nas condicións laborais e na ausencia de planificación por parte da Xunta. Segundo indicou, moitos médicos e médicas están a abandonar a Atención Primaria debido ás condicións que ofrece o Sergas.
A deputada advertiu de que, fronte ao discurso do PP que sostén que “non hai médicos”, a realidade é que Galiza forma profesionais que posteriormente non permanecen no sistema público. Como exemplo, apuntou que nun dos últimos procesos, dos 79 especialistas que remataron Medicina Familiar en distintas áreas sanitarias galegas, só 30 optaron por traballar na Atención Primaria do Sergas, mentres que o resto decidiu marchar ante a precariedade laboral.
Para Prado, esta situación é consecuencia directa de políticas que levan anos deteriorando o sistema sanitario público. Ademais, alertou de que o colapso nos centros de saúde e nos PAC está a provocar demoras prolongadas e a derivación de pacientes cara ás urxencias hospitalarias.
A charla serviu así como un espazo de reflexión coa veciñanza sobre o futuro da sanidade pública, nun momento especialmente complexo para os concellos da montaña lucense, que sofren con maior intensidade a falta de profesionais e a perda de servizos.
Durante o encontro tamén se expuxeron as propostas do BNG para reforzar a Atención Primaria, mellorar as condicións laborais do persoal sanitario e garantir unha asistencia pública de calidade tamén no rural.
Con esta iniciativa, o BNG de Cervantes buscou dar voz á veciñanza e facer visibles os problemas reais do territorio, nun municipio onde o acceso á sanidade é unha cuestión clave debido á dispersión da poboación e ao envellecemento demográfico.