O BNG anima á veciñanza de Palas de Rei a participar nunha charla sobre Altri
O portavoz da comisión de agricultura do BNG no Parlamento Galego, Secundino Fernández, animou ás veciñas e veciños de Palas de Rei a acudir á charla informativa sobre o proxecto de planta de celulosa que a multinacional portuguesa Altri quere instalar no Concello de Palas de Rei, que terá lugar o venres, 15 de outubro, na Casa da Cultura de Palas de Rei ás 20.30 horas.
Fernández intervirá nesta charla xunto con Rubén Lois, veciño de Palas de Rei e catedrático en Análise Xeográfica, que afondará nas implicacións que o proxecto terá para o Camiño de Santiago na comarca da Ulloa no resto de concellos de Lugo e de Galicia.
As persoas asistentes poderán coñecer mellor as implicacións da implantación do megacomplexo industrial de Altri, e os efectos que terá en todo o territorio galego, ademais do impacto negativo que terá sobre a actividade económica e no emprego nas zonas no noso país.
O portavoz sostén que "pretenden instalar unha fábrica contaminante que non queren en Portugal”, denunciou o deputado, advertindo do “enorme impacto territorial, no tecido socioeconómico” non só en Palas de Rei, senón en todos os lugares por onde o camiño de Santiago pase, pois ninguén vai querer vir a a facer un camiño onde te atopes con unha cheminea de 75 metros de altura e con uns cheiros que afectan a varios quilómetros", explica.
Así, di que isto será "a perda de prestixio da DO Queixo Arzúa Ulloa e Tetilla, a valorización negativa das granxas ou a contaminación atmosférica e das augas, repercutindo de xeito negativo sobre as terras, o turismo e a restauración.
“Temos que pensar nos miles de familias que traballan e viven do sector agrogandeiro, temos que pensar nas miles e miles de mulleres e homes que viven nas parroquias desta comarca e que loitan por manter un medio rural vivo”, manifestou o deputado nacionalista.
“En vez de axudar a estes proxectos, o Goberno do PP leva anos impedindo que se poida culminar a concentración parcelaria en zonas afectadas polo proxecto de Altri”, denunciou o portavoz parlamentario, que advertiu así mesmo da demanda de eucalipto que exixirá a fábrica de Altri, exercendo "aínda máis presión sobre as terras agrarias e reducindo a superficie agraria útil".