O BNG anima aos lucenses a participar na mobilización nacional pola suba de prezos
Olalla Rodil, viceportavoz do BNG no Parlamento de Galicia animou á veciñanza de Lugo a participar na mobilización nacional convocada para o vindeiro domingo 3. Rodil afirmou que todas e todos notamos a suba xeneralizada de prezos“, e engadiu “hoxe 50 euros non valen o mesmo que valían hai un ano e isto está empobrecendo á sociedade galega”. “Precisamos medidas urxentes para frear a escalada de prezos e rescatar aos sectores máis vulnerables da poboación”, explicou Olalla Rodil.
O BNG de Lugo habilitará un autobús para todas as veciñas e veciños que desexen achegarse. Para anotarse será preciso chamar ao local comarcal do BNG, no teléfono 982 280 410 ou no móbil 620 262 807, ou enviando un correo electrónico a lugocentro@bng.gal
A viceportavoz do BNG compartiu as propostas da campaña Os prezos soben, os teus cartos baixan. Fagámonos Valer! coa que o BNG reclama aos gobernos da Xunta e do Estado que tomen medidas urxentes para evitar o colapso dos sectores económicos galegos, ante a descontrolada suba de prezos que se vén experimentando nas últimas semanas.
O Bloque propón un decálogo de medidas urxentes para axudar aos sectores máis afectados da economía galega e ás familias cada día máis empobrecidas. Entre as propostas do BNG para o sector primario destacan a prohibición de vender a perdas no sector primario, a compra pública de pensos para garantir un abastecemento a prezos razoables e a fixación dun prezo máximo para a electricidade neste eido.
Ademais, as medidas do BNG inclúen a posta en marcha de axudas para o sector primario, garantindo a actividade no gando e na pesca, sector para o que tamén propón garantir o prezo dos hidrocarburos no límite previo á escalada de prezos.
O BNG defende tamén a rebaixa temporal dos impostos aos carburantes, distinguindo entre consumo doméstico e profesional, a redución das peaxes en todas as autoestradas galegas, a actuación inmediata sobre o mercado enerxético e a posta en marcha dunha tarifa eléctrica galega para compensar a Galicia por ser produtora de electricidade.