O BNG apoia a concentración do persoal sanitario do HULA para reclamar melloras urxentes

O BNG mostrou o seu apoio ás demandas do persoal sanitario concentrado no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA). A parlamentaria Montserrat Valcárcel e os concelleiros Alexandre Penas e Cristina López participaron na concentración de celadores de urxencias, que reclaman un aumento de persoal para facer fronte á crecente demanda e a renovación de equipos obsoletos. O colectivo anunciou que continuará coas protestas ata que se materialicen “feitos, non só palabras”.
Valcárcel denunciou o desmantelamento do sistema público para favorecer á sanidade privada por parte do Goberno de Rueda, que cualificou como unha ameaza para a saúde das galegas e galegos. A deputada atribuíu ao Executivo do PP a responsabilidade total pola situación de “excepcionalidade permanente” nas Urxencias, reprochándolle a falta de planificación do persoal necesario tanto en Urxencias como en Atención Primaria.
“As competencias están aquí, que non todo se ten que solucionar en Madrid”, lembrou, afeándolle ao Goberno de Rueda que “devalúe a escasa capacidade de autogoberno que temos en Galiza”. Valcárcel subliñou que a Xunta “retorce a realidade” das condicións laborais do persoal, ao pretender “coar” como fixo o persoal contratado, lembrando que a media de temporais alcanza o 48 %.