O BNG apoia as protestas na residencia das Gándaras en defensa dunha atención digna

A deputada do BNG no Parlamento de Galicia, Olalla Rodil, participou na mobilización das usuarias e usuarios da residencia das Gándaras xunto á concelleira do Bloque en Lugo, Maite Ferreiro, para esixir unhas condicións de vida dignas e o respecto á intimidade persoal das persoas residentes.
Durante a protesta, Rodil sinalou que as persoas que viven neste centro “teñen dereito a facelo con tranquilidade e respecto, nun entorno que lles garanta intimidade e benestar”, lembrando que se trata maioritariamente de persoas maiores ou con problemas de saúde e mobilidade. A deputada trasladou ás persoas afectadas o apoio do BNG e asegurou que a formación nacionalista levará esta problemática ao Parlamento galego co obxectivo de forzar á Xunta a revisar e modificar a reforma prevista para o centro.
A parlamentaria nacionalista aproveitou a ocasión para defender o modelo de residencias que propón o BNG, baseado nun sistema público tanto na titularidade como na xestión. Segundo explicou, a aposta do Bloque pasa por “humanizar os coidados”, apostando por centros de menor tamaño nos que se priorice o benestar das persoas fronte a criterios meramente económicos.
Rodil engadiu que o proxecto do BNG inclúe mecanismos de supervisión e control do funcionamento e da calidade do servizo, con información accesible para a cidadanía. Unha transparencia que, ao seu xuízo, resulta clave para garantir os dereitos das usuarias e usuarios e asegurar unha atención digna nos centros residenciais.

Ademais do apoio do BNG, o Colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG de Lugo sumouse tamén o pasado xoves ás protestas que as persoas usuarias da Residencia das Gándaras están a desenvolver en demanda dunhas condicións dignas. Este apoio enmárcase na campaña da CIG para reclamar atención digna á dependencia e a creación dun sistema público galego de atención ás persoas con recursos e orzamentos suficientes.
APOIO DA FEDERACIÓN VECIÑAL LUCUS AUGUSTI
A Federación de Asociacións de Veciños de Lugo Lucus Augusti fixo público o seu apoio firme e continuado ás reivindicacións das persoas residentes na Residencia de Maiores de As Gándaras, ante o proxecto de obras previsto no centro. A entidade veciñal expresa a súa preocupación polos efectos que podería ter esta actuación sobre a vida diaria das persoas maiores que viven na residencia.
Segundo a información trasladada polos propios residentes e polas súas familias, a execución das obras implicaría que numerosas persoas maiores tiveran que compartir habitación, unha circunstancia que suporía, ao seu xuízo, unha perda clara de intimidade, benestar e calidade de vida. Desde a Federación subliñan que calquera intervención nun centro residencial debe ter como prioridade absoluta o respecto á dignidade e aos dereitos das persoas que o habitan.
Neste contexto, a Federación Lucus Augusti insta á Xunta de Galicia a abrir un diálogo directo, transparente e respectuoso cos residentes e cos seus representantes, co obxectivo de explicar con detalle o proxecto previsto, resolver as dúbidas existentes e, sobre todo, escoitar as demandas e preocupacións das persoas afectadas. A entidade considera imprescindible a participación activa dos usuarios para garantir decisións xustas e axeitadas.
Así mesmo, unha representación da Federación Veciñal Lucus Augusti desprazarase este sábado, 17 de xaneiro, ás 11:00 horas, ata a Residencia de Maiores de As Gándaras para amosar novamente o seu apoio ás persoas residentes e acompañalas nas súas reivindicacións.
A Federación reafirma deste xeito o seu compromiso coa defensa dos dereitos da cidadanía e, en especial, das persoas maiores, ás que considera merecedoras de ser escoitadas e tratadas co máximo respecto.