O BNG apoia as reclamacións das persoas residentes nas Gándaras para garantir intimidade e condicións dignas

A deputada do BNG no Parlamento galego, Olalla Rodil, participou nunha mobilización convocada polas usuarias e usuarios da residencia das Gándaras, en Lugo, para reclamar unhas condicións de vida dignas e o respecto á súa intimidade persoal. Na concentración estivo acompañada polos concelleiros do BNG na cidade, Alexandre Penas e Cristina López.
Durante o encontro coas persoas residentes, Rodil defendeu a aposta do BNG por un modelo público de residencias, tanto na titularidade como na xestión. Segundo explicou, o obxectivo desta proposta é avanzar cara a un sistema que “humanice os coidados nun sistema público”, no que se aposte por centros de menor tamaño e nos que prime o benestar das persoas usuarias.
A parlamentaria sinalou que a proposta do Bloque inclúe tamén ferramentas de supervisión para garantir o correcto funcionamento e a calidade dos servizos prestados. Neste sentido, indicou que o modelo contempla mecanismos que permitan acceder a toda a información relevante sobre a xestión dos centros, de maneira que calquera cidadán poida coñecer o seu funcionamento e se garanta o respecto aos dereitos das persoas residentes.
Rodil subliñou ademais que as persoas que viven na residencia das Gándaras “teñen dereito a vivir con tranquilidade e respecto, nun entorno que lles garanta intimidade e calidade de vida”, especialmente tendo en conta que se trata de persoas maiores ou con problemas de saúde e mobilidade. A deputada trasladou ás persoas afectadas o apoio do BNG ás súas reivindicacións e asegurou que levarán esta problemática ao Parlamento galego co obxectivo de forzar ao Goberno galego a modificar o proxecto de reforma previsto no centro.
Neste contexto, lembrou tamén que o BNG conseguiu o apoio unánime da Cámara autonómica para abrir un espazo de diálogo coas usuarias e usuarios da residencia das Gándaras respecto ás obras de remodelación previstas. O obxectivo desa iniciativa é escoitar as opinións e preferencias das persoas residentes antes de levar a cabo os cambios no centro.
As actuacións previstas pola Xunta de Galicia no edificio suporían modificacións que, segundo denuncian as propias usuarias, poderían reducir o seu dereito á intimidade e á privacidade, especialmente no caso das persoas que comparten habitación, que constitúen a maioría.
A residencia das Gándaras comezou a funcionar en 1981 e conta na actualidade con 218 prazas. Delas, 160 corresponden a habitacións dobres. Segundo o proxecto de reforma presentado pola administración autonómica, non está prevista a creación de novas habitacións individuais, senón unha reorganización dos espazos existentes que implicaría reducir o espazo actual e situar as camas separadas unicamente por unha mesiña de noite.