O BNG busca apoios no pleno de Lugo para mellorar as condicións laborais do SAF

LugoXa
O BNG proporá ao pleno do Concello de Lugo a mellora das condicións laborais do persoal do Servizo de Axuda no Fogar
BNG SAF
20 Xuño 2022

O Bloque Nacionalista Galego anunciou unha nova moción que elevarán ao vindeiro pleno do Concello de Lugo, na que reclaman unha mellora nas condicións laborais dos traballadores do Servizo de Axuda no Fogar (SAF).

“Os servizos públicos garanten que a veciñanza poida contar con ferramentas que fagan a vida máis doada”, explicou o portavoz do BNG, Rubén Arroxo.

En opinión do voceiro nacionalista, “o SAF permite garantir o dereito a unha vellez digna, e o persoal que presta este servizo cumpre un papel esencial, proporcionando atención e realizando as tarefas necesarias para que moitas persoas poidan garantir a súa calidade de vida”.

A proposta do BNG insta á Xunta de Galicia a asumir a súa competencia neste servizo, mediante a creación dun sistema público e galego de coidados, que garanta o dereito dunha vellez digna a toda a poboación.

Ademais, o BNG reclama que o goberno galego traballe xunto coas organizacións sindicais e as empresas, garantindo o cumprimento do convenio colectivo do sector da atención a domicilio, cumprindo co incremento salarial do 6,5% ás traballadoras e traballadores deste servizo.

“As traballadoras do SAF levan loitando moitos anos pola súa profesionalización e contra os abusos das empresas concesionarias”, declarou Rubén Arroxo.

Segundo o portavoz do BNG, “é de dereito recoñecer e facer efectivos os convenios do sector, e avanzar na mellora das condicións laborais das traballadoras e traballadores deste servizo esencial”.