O BNG celebra a gratuidade do programa Tardes no Cole en Castroverde

O BNG de Castroverde amosou a súa satisfacción pola decisión do executivo municipal de aplicar a gratuidade ao programa de conciliación Tardes no Cole, unha medida que parte dunha proposta nacionalista defendida reiteradamente nos plenos nos últimos anos.
O programa Tardes no Cole considérase unha ferramenta esencial para favorecer a conciliación das familias, especialmente no ámbito rural, onde os recursos públicos son máis escasos e as dificultades para compaxinar vida laboral e familiar son maiores. Ata o de agora, mentres o servizo de mañá era gratuíto, o da tarde supuña un custe que recaía directamente sobre as familias usuarias, xerando unha situación de desigualdade.
Xa o ano pasado, o BNG presentara unha moción solicitando a gratuidade do servizo, tendo en conta que o programa Corresponsables incrementara a súa achega económica e incluía tamén a cobertura das Tardes no Cole. A proposta foi rexeitada polo PSOE, que argumentou razóns económicas a pesar de que a subvención resultaba suficiente para garantir a medida.
Posteriormente, os nacionalistas volveron levar o asunto a pleno propoñendo incluír o custe no Plan Único da Deputación de Lugo, co obxectivo de liberar ás familias do pagamento e favorecer a igualdade de oportunidades. De novo, a iniciativa foi rexeitada polo grupo socialista, que defendeu a prioridade doutros investimentos.
A voceira municipal do BNG, Iria Castro, sinalou que “durante o curso 2024-2025 mantívose esta discriminación unicamente por puro partidismo, porque era unha proposta do BNG. Non era xusto que as familias tiveran que pagar por un servizo que debería estar garantido en igualdade de condicións”.
Finalmente, e tras meses de presión política e socialización da demanda, o goberno local decidiu aplicar a gratuidade do programa para o novo curso. Desde o BNG valoran positivamente que o PSOE “rectifique e deixe a un lado o partidismo, poñendo por diante os intereses das familias de Castroverde”.
Castro destacou ademais que a medida non só beneficia directamente ás familias usuarias, senón que é clave na estratexia de fixación de poboación: “O problema máis grave que temos en Castroverde é a perda de poboación. Se queremos manter veciñanza e atraer novas familias, temos que ofertar servizos de calidade. Non podemos ter familias de primeira e de segunda, por iso estamos orgullosas de que finalmente se levara adiante unha proposta que partiu do BNG”.
Desde a formación nacionalista lembran que este paso é parte dun traballo constante a prol da mellora dos servizos públicos e da conciliación no rural, e reiteran o seu compromiso para seguir defendendo medidas que fagan de Castroverde un concello con máis oportunidades para a súa veciñanza.