O BNG convoca unha concentración ante o consultorio de Doiras
O Bloque Nacionalista Galego de Cervantes convoca á veciñanza a unha xuntanza este venres 14 de xuño ás 19.30 diante do consultorio de Doiras para avaliar a situación dos servizos sanitarios tras facerse público a vacante da praza de médico neste consultorio.
Nesta xuntanza participaran o responsable local de Cervantes, Bernardo Vàldes, e a deputada no Parlamento Galego polo BNG, Olalla Rodil.
A veciñanza de Doiras trasladou ao BNG a súa preocupación pola situación na que vai quedar ese consultorio tras quedar vacante a praza de médico para os meses de xullo e agosto, “dende o BNG compartimos esa preocupación, pois a experiencia de outros concellos demóstranos que o PP vai cara a merma de servizo deste consultorio como pasou co de Parga ou o de Castro de Rei” expuxo Olalla Rodil.
Dende o BNG defendemos a sanidade pública de todo o país especialmente o da zona da montaña lucense pois supón unha mingua na calidade asistencial dos concellos da montaña nunha zona xeograficamente moi extensa e na que as distancias se multiplican por razóns orográficas.