O BNG convoca unha concentración en Cervantes pola falta de médicos

LugoXa
A mobilización reclamará a cobertura permanente das prazas médicas e a reapertura do consultorio de Doiras
centro-de-saúde-Cervantes-BNG
8 Apr 2026

O Bloque Nacionalista Galego convoca para o xoves, 9 de abril, ás 12.00 horas, unha concentración diante do centro de saúde de San Román, en Cervantes, para denunciar o deterioro da atención sanitaria no municipio e esixir á Xunta de Galicia que cubra de maneira permanente as prazas médicas e restitúa o servizo sanitario no consultorio de Doiras.

A mobilización prodúcese tras o mantemento do inmobilismo por parte do Partido Popular, que non conseguiu garantir a cobertura das dúas prazas de médicos no centro de San Román nin recuperar a atención no consultorio de Doiras.

A deputada do BNG por Lugo, Olalla Rodil, acusou ao PP de non facer “absolutamente nada” para garantir o dereito á saúde da veciñanza, a pesar de coñecer a situación que se vive no concello. Rodil criticou as promesas incumpridas da Xunta, como a reapertura normalizada do consultorio de Doiras ou a implantación do programa de enfermaría a domicilio do Sergas “Ariadna”, e subliñou que, por honestidade e respecto á veciñanza, deberían asumir as súas responsabilidades.

A parlamentaria recordou que en apenas ano e medio o concello pasou de contar con dous médicos e unha enfermeira en San Román e un médico e unha enfermeira en Doiras, a depender actualmente dunha única médica e unha enfermeira para atender a toda a poboación. No caso de Doiras, o consultorio foi pechado no verán de 2024 e, cando se reabriu parcialmente, só prestaba atención dous días á semana, sen cubrir a praza vacante. Actualmente, Doiras permanece pechado, e toda a poboación depende do centro de San Román.

Rodil advertiu que esta situación afecta a case mil persoas usuarias do sistema sanitario público no concello, con 945 pacientes repartidos entre San Román e Doiras, e alertou do impacto que ten en persoas que viven en aldeas afastadas, sen transporte público, que deben desprazarse máis de 20 quilómetros para recibir atención médica. Cervantes é un concello de alta montaña, con máis de 277 km² e unha poboación moi envellecida, cunha media de idade próxima aos 60 anos, o que fai que a proximidade e accesibilidade aos servizos sanitarios sexan “practicamente inexistentes”.

O BNG fai un chamamento á veciñanza para participar na concentración de mañá diante do centro de saúde de San Román e defender unha atención sanitaria pública digna, accesible e de calidade para toda a comarca.

0.11985898017883