O BNG convoca unha manifestación o 28 de outubro por un tren digno

LugoXa
O BNG convoca unha manifestación o próximo 28 de outubro para reclamar un tren digno para a cidade de Lugo
14 Out 2022

Rubén Arroxo,  portavoz do BNG no Concello de Lugo xunto co responsáble da formación, Felipe Rivas, e a vicerresponsábel local do BNG, Iria Buide, anunciaron que o BNG convoca unha manifestación para reclamar un tren digno para Lugo.

Baixo o lema Lugo quere tren!, o BNG chama á veciñanza a mobilizarse para reclamar uns servizos ferroviarios dignos para a cidade e a comarca. Rivas lembrou que o BNG entregou no ministerio de transportes en Madrid “máis de 4.000 sinaturas das veciñas e veciños de Lugo que reclaman ao goberno do estado un compromiso real con Lugo”.

A manifestación anunciada polo BNG terá lugar o vindeiro venres 28 de outubro a partir das 20:15 da tarde. Partirá da praza Maior, diante do Concello de Lugo, e terá como punto de remate a Subdelegación do Goberno. Felipe Rivas chamou á veciñanza “a mobilizarse por uns servizos ferroviarios dignos que respondan ás necesidades das veciñas e veciños de Lugo despois de anos de abandono por parte dos distintos gobernos do estado”.

“Os proxecto de orzamento presentados polo goberno do estado non mellora a situación de Lugo, deixando de lado un ano máis a necesaria mellora das infraestruturas ferroviarias que precisa Galiza”, afirmou Felipe Rivas, que engadiu “Lugo sigue á cola nos investimentos, especialmente no ferrocarril, onde continuaremos con infraestruturas do século XIX”.

Felipe Rivas afirmou que “Galicia, e especialmente Lugo sofre unha evidente e histórica discriminación en canto a investimentos, tanto por parte dos gobernos do PP como do PSOE”, e engadiu “isto tradúcese nun déficit en infraestruturas, equipamentos e servizos, particularmente no transporte ferroviario”.

O responsáble do BNG afirmou que “a chegada do AVE a Galicia, con case 30 anos de atraso sobre a data anunciada nun primeiro momento polo goberno do estado, só supuxo que agora sexa máis rápido ir en tren de Lugo a Madrid que de Lugo a Compostela”.

“Non existe servizo de proximidade en ningunha das áreas metropolitanas galegas e, no caso de Lugo, mantense unha liña (Lugo – A Coruña), sen electrificar e con menos sistemas de seguridade que os marcados polos actuais estándares internacionais”, criticou o concelleiro nacionalista.

O BNG recolleu sinaturas nos últimos meses baixo o lema Lugo Quere Tren, buscando “poñer a Lugo no mapa dos servizos ferroviarios, rematando con anos de recortes e eliminacións de conexións que son necesarias para as veciñas e veciños de Lugo”.

Con esta campaña, o BNG pide o apoio da veciñanza para reclamar a modernización da vía Lugo – Coruña, a conexión con Compostela e a recuperación dos servizos eliminados nos últimos anos.   “Lugo é a única cidade de Galiza que non ten conexión directa por tren coa capital do país, un agravio que se resolvería cunha obra de 27 quilómetros de vía para conectar as paradas de Curtis e Ordes creando unha traxecto directo desde Lugo a Compostela”, afirmou Rivas.

0.12430620193481