O BNG critica o rexeitamento do PP a todas as emendas aos orzamentos da Xunta para Monterroso

LugoXa
As propostas incluían unha residencia de maiores, un parque cuberto, melloras no sector primario e servizos básicos para as parroquias
BNG-Monterroso
24 Nov 2025

O Bloque Nacionalista Galego denunciou o rexeitamento en bloque por parte do Partido Popular de todas as emendas presentadas aos orzamentos da Xunta de Galicia para o ano 2026, iniciativas destinadas a atender necesidades básicas e demandas históricas da veciñanza de Monterroso. Para o concelleiro nacionalista, Brais Vázquez, esta actitude evidencia “a absoluta falta de compromiso da Xunta de Galicia coa comarca e o abandono sistemático ao que someten Monterroso ano tras ano”.

Entre as propostas defendidas polo BNG destacaba a creación dunha residencia da terceira idade, unha infraestrutura imprescindible nun concello onde o 30% da poboación é maior de 65 anos. “Os centros residenciais son fundamentais para garantir unha atención digna e próxima ás persoas maiores. Monterroso necesita con urxencia esta dotación, pero o PP volve rexeitar as necesidades reais da nosa xente”, explicou Vázquez.

Outro dos proxectos incluídos nas emendas era a construción dun parque cuberto e pista multideporte, que permitiría ofrecer novas instalacións para o ocio da infancia e de toda a veciñanza. “Un espazo deste tipo melloraría a calidade de vida e permitiría desfrutar de actividades e de xogos que hoxe non teñen cabida en Monterroso por falta de medios”, sinalou o concelleiro.

O BNG tamén defendeu dúas intervencións claves para o sector primario e o rural: a ampliación e modernización da Oficina Agraria Comarcal (OAC), sobre todo no sector forestal, e as redes de abastecemento e saneamento das que continúan carecendo nalgunhas parroquias do Concello. “Non é de recibo que nun concello claramente rural sigamos aínda sen servizos primarios como abastecemento e saneamento nalgunhas aldeas do municipio e non nos poñamos mans á obra con iso”, criticou Vázquez.

Pese á relevancia destas actuacións, sobre todo en servizos sociais e apoio ao rural, o Partido Popular votou en contra de todas elas. Brais Vázquez lamentou tamén a actitude do equipo de goberno de Monterroso, quen “unha vez máis cala e permite que a Xunta deixe sen investimentos Monterroso, mesmo cando se trata de propostas que responden directamente ás demandas da veciñanza”. Para o BNG, este novo rexeitamento evidencia “a falta de proxecto do PP e o seu absoluto desinterese por mellorar os servizos públicos, a calidade de vida e o futuro do noso concello”.

“O BNG seguirá traballando, dende o concello, dende o Parlamento e dende onde faga falta para defender Monterroso, porque o noso pobo merece máis e merece mellor”, concluíu o concelleiro nacionalista.

⚙ Configurar cookies
0.052134990692139