O BNG critica os orzamentos da Xunta para 2026 e anuncia emendas para proxectos clave en Lugo

LugoXa
Rodil, Arroxo e Bao acusan ao Goberno galego de “abandonar” a cidade e de presentar unhas contas “cheas de promesas que nunca se cumpren”
BNG-Orzamentos-Lugo
23 Oct 2025

A deputada do BNG no Parlamento Galego, Olalla Rodil, acompañada polo portavoz do Bloque no Concello de Lugo, Rubén Arroxo, e o responsábel local da formación, Antón Bao, valoraron este xoves o proxecto de orzamentos da Xunta de Galicia para o ano 2026, que cualificaron de “fume e propaganda”. O Bloque anunciou a presentación de múltiples emendas centradas en proxectos que consideran esenciais para a cidade, como o Gran Parque Central, o Cuartel de San Fernando, o barrio da Tinería e os centros de ensino público, que segundo Arroxo “están a sufrir o abandono absoluto da Xunta”.

O tamén tenente de alcalde do Concello lucense ironizou ao afirmar que os orzamentos “parecen a carta dun neno aos Reis Magos: poñen moitas cousas para ver se con sorte se cumpren tres ou catro”. Sinalou que se repiten partidas que “aparecen todos os anos e nunca se executan”, como o Plan Paradai, ou o investimento no Cuartel de San Fernando, “ao que lle consignan 500.000 euros anuais sen que se avance nada”, e lamentou o deterioro das propiedades autonómicas na Tinería.

Arroxo tamén criticou o anuncio do Pazo de Dona Urraca, “onde o PP volve presentar un proxecto case idéntico ao que o BNG deixara feito en 2009”, o que ao seu xuízo supón “perder 17 anos”. Denunciou ademais a ausencia de partidas reais para infraestruturas e educación, lembrando o recente desprendemento do teito no colexio das Mercedes e os atrasos nas obras do IES Lucus Augusti.

Entre as propostas do Bloque figura a creación dun novo aparcadoiro público en Fontiñas, barrio que sofre, segundo Arroxo, “un problema serio de estacionamento”, e a inclusión dunha partida para o Gran Parque Central, un proxecto que sumaría dous hectáreas de espazo verde no centro de Lugo. “A Xunta anunciou que a Estación Intermodal estará lista en outubro de 2026, pero nestes orzamentos non hai nin un euro para o futuro deste espazo”, advertiu.

Pola súa banda, Olalla Rodil cualificou a política orzamentaria do Partido Popular como “un exercicio de incumprimentos e chapuzas”, e puxo como exemplo o proxecto do antigo edificio de ASPNAIS, anunciado como centro de saúde mental e agora paralizado polo Tribunal Contencioso Administrativo tras unha denuncia do Colexio de Arquitectura. “O PP ou non sabe gobernar ou non le a Lei de Contratos do Sector Público”, afirmou.

A deputada lembrou que os orzamentos volven incluír 500.000 euros para o Plan Paradai e outras promesas como o museo da romanización ou a rehabilitación da Tinería “que logo nunca se executan”.

Finalmente, Antón Bao cualificou os investimentos da Xunta en Lugo como “un cero absoluto” e asegurou que “a cidade está completamente desatendida”. Como exemplo, mencionou o Cuartel de San Fernando, “para o que se consignan 500.000 euros que nin sequera chegan para cambiar as ventás”. Bao engadiu que esta situación “demostra o castigo político ao que o PP somete a Lugo” e concluíu salientando que “afortunadamente o goberno local do BNG está a cumprir co que prometeu e co seu programa electoral”.

⚙ Configurar cookies
0.083221912384033