O BNG da Fonsagrada convoca unha charla informativa contra o acordo UE–Mercosur

O BNG da Fonsagrada organizará este sábado 11 de abril ás 11:00 horas unha charla informativa no salón de actos dos Chaos co obxectivo de analizar as consecuencias do tratado entre a Unión Europea e o Mercosur e o seu posible impacto en Galicia.
A formación nacionalista advirte de que este acordo vai máis alá dun simple pacto comercial e supón, ao seu xuízo, unha ameaza directa para sectores estratéxicos do país, con especial incidencia no ámbito agrario. Entre os riscos sinalados destacan a competencia desleal, o impacto negativo sobre o rural galego e a posible perda de soberanía alimentaria.
No acto participarán a eurodeputada Ana Miranda e o deputado no Parlamento galego, Secundino Fernández Fernández, que abordarán as implicacións políticas, económicas e sociais do acordo, así como as súas repercusións a nivel local.
A iniciativa pretende abrir un espazo de debate e información dirixido á veciñanza, co fin de dar a coñecer os efectos que este tratado internacional podería ter no tecido produtivo galego.