O BNG da Fonsagrada convoca unha nova concentración pola defensa da atención primaria da vila
O Bloque Nacionalista Galega volveu convocar aos veciños e veciñas da Fonsagrada a unha nova concentración en defensa da atención primaria no centro de saúde da vila, que atende aos concellos da Fonsagrada e Negueira de Muñiz. Olalla Rodil, deputada electa do BNG por Lugo, anunciou que o BNG trasladará ao Parlamento a problemática deste centro de saúde, "para esixir unha solución ao próximo goberno galego".
Tras anos sen asumir as demandas da xente da Fonsagrada e facilitar os servizos de radioloxía ou fisioterapia sen ter que desprazarse ata Becerreá, os fonsagradinos e fonsagradinas teñen que soportar agora que rematen tamén coa atención primaria, ao eliminarse o médico compartido con Negueira de Muñiz, como xa se fixera antes co de Ribeira de Piquín.
A atención primaria foi o ámbito da sanidade que sufriu máis recortes, e as consecuencias, coa masificación de consultas, a falta de profesionais e os PACs ao límite, repercuten na vida diaria das galegas e galegos. Polo tanto, o BNG defende a atención primaria como porta de entrada ao sistema de sanidade público, mudando o modelo actual por un no que as persoas sexan o centro.