O BNG da Fonsagrada denuncia o parque eólico Muracais e alerta dun forte impacto ambiental e social

O Bloque Nacionalista Galego da Fonsagrada fixo pública a súa oposición ao proxecto do parque eólico Muracais, impulsado pola empresa Antila Solar SLU, ao considerar que supón unha nova ameaza directa para o territorio, a poboación e o futuro do medio rural.
A iniciativa prevé a instalación de aeroxeradores de gran potencia en áreas de alto valor natural e paisaxístico, afectando directamente a localidades como A Pobra de Burón, Carracedo, Mourisco, Castañoso, Pacios, Peizais, Xestoso de Riba, San Pedro de Neiro, A Fonsagrada, Xestoso de Baxo, Paradanova, Lidín, Candaído, Vilarello, Queixoiro, Vilarchao, Barbeitos, Silvela e Vilarmeán.
Ademais, contempla unha extensa liña de evacuación que atravesará puntos como O Piñeiral, Vilardongo, Pedrafitelas, Pedrouzos, Cerredo, Chaín e Paradavella, o que segundo o BNG incrementará aínda máis o impacto ambiental e visual.
A organización enmarca este proxecto nun modelo eólico que leva anos cuestionando, ao que cualifica de “depredador” e que, asegura, está promovido pola Xunta gobernada polo PP e conta coa aprobación do PSOE no Executivo estatal. Denuncian que este modelo entrega o territorio ás grandes compañías eléctricas sen planificación, sen beneficios reais para a poboación local, sen control ambiental e sen participación cidadá.
O BNG critica que o procedemento de tramitación carece de transparencia e de respecto cara á veciñanza, xa que os estudos de impacto ambiental foron publicados en pleno verán —no BOE do 10 de xuño de 2025 e no BOP de Lugo do 21 de xuño— con prazos reducidos e escasa difusión, o que provocou que moitas persoas afectadas só coñecesen a existencia do proxecto grazas á mobilización cidadá. Neste sentido, lembran que participaron na xornada informativa celebrada o 19 de xullo, organizada por ADEGA e a veciñanza, na que se recolleron sinaturas e se distribuíron modelos de alegacións para presentar ante o Ministerio.
A formación nacionalista subliña que non se opón á enerxía renovable, senón que defende unha transición enerxética xusta e ordenada, xestionada desde Galicia, con participación pública e local, retorno económico para os concellos e protección do patrimonio natural e cultural.
Finalmente, instan ao goberno municipal da Fonsagrada a informar con claridade sobre os proxectos eólicos en tramitación, a presentar alegacións como administración afectada e a posicionarse publicamente xunto á veciñanza. O BNG anuncia que continuará mobilizado para frear o parque Muracais e anima á cidadanía a presentar alegacións antes do 20 de agosto, dispoñibles en adega.gal ou no propio Concello.