O BNG da Fonsagrada di que o PSOE e o PP promoven que o municipio "se atope nunha situación que non merece"

O BNG da Fonsagrada lamenta que o PSOE e Partido Popular se tomen os problemas da veciñanza "sen rigor e seriedade, só achegando descréditos e promovendo un clima de desprestixio á política municipal, a máis próxima ao veciño" e di que "ámbolos partidos teñen grandes eivas que fan que A Fonsagrada se atope nunha situación que non merece".
No derradeiro pleno, saíron á luz graves deficiencias na xestión do equipo de goberno municipal confirmadas por informes demoledores da Secretaría-Intervención, os que inciden no “incumprimento constante da información económica-financeira” e cualificándoa de “caótica”.
Rosa Rego, portavoz e concelleira do BNG, debullou os datos destes informes: “O prazo medio de pago a provedores duplicouse, chegando na actualidade a 97,53 días; facturas pendentes de pago por un importe de 869.329,77 euros, o que supón a acumulación, en algúns casos, de débedas a empresas superiores aos 50.000 euros. De igual xeito, contratos caducados e ausencia de control e advertencias de riscos de futuro".
Por outra banda, da Xunta de Galicia “mantén unha política de abandono e recortes que perpetúa a discriminación contra o rural: falta de médicos e ter que desprazarnos até Becerreá para contar cuns servizos sanitarios esenciais, recortes nos servizos do colexio, a falta de financiamento nos coidados dos nosos maiores, como o servizo SAF ou a ausencia dunha residencia pública, os recortes nas axudas ás gandeiras e gandeiros, ou a ausencia total de apoio á Foliada da Fonsagrada entre máis”.
A nacionalista destacou que “esta situación urxe unha reflexión profunda e unha reorientación inmediata das políticas municipais para garantir unha xestión transparente, eficiente e comprometida co benestar e o desenvolvemento da Fonsagrada. E de igual modo, queremos salientar a intolerancia do PP en sacar as cores aos demais sen mirar antes o que está a facer desde o goberno galego”.
Ao respecto sentenciou “a xestión caótica do PSOE que afunde o Concello xunto o abandono do rural e da Montaña do PP gobernando a Xunta forman unha combinación perfecta para afundir o progreso da Fonsagrada” e incidiu “os uns polos outros, e a casa sen varrer”. Unha chamada á responsabilidade.