O BNG de Baleira critica a subida do imposto de construcións do 2 % ao 4 %

LugoXa
A formación pide ao alcalde que rectifique a medida e busque outras vías de financiamento municipal
luis-bng-baleira
6 Feb 2026

O BNG de Baleira denunciou a decisión do Goberno local de incrementar o Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras do 2 % ao 4 %, unha medida que, segundo sinala a formación nacionalista, supón duplicar o importe que deben pagar os veciños cada vez que solicitan unha licenza municipal para realizar obras.

Desde o BNG advirten de que este incremento afecta de maneira directa ás persoas que decidan investir no concello, tanto no ámbito da vivenda como no sector primario. No caso das explotacións gandeiras, a formación alerta de que os gandeiros e gandeiras que aposten por mellorar ou ampliar as súas instalacións terán que asumir un custo moito maior para obter os permisos necesarios. Como exemplo, explican que unhas cortes cun orzamento de 300.000 euros pasaron de pagar 6.000 euros en taxas municipais a ter que aboar agora 12.000.

A subida do imposto tamén repercute, segundo o BNG, en quen queira reformar unha vivenda ou construír unha nova casa, o que consideran unha dificultade engadida nun concello que xa sofre perda de poboación e falta de servizos básicos. A formación entende que este tipo de decisións contribúen ao peche de casas e aldeas, ao encarecer calquera investimento necesario para fixar veciñanza no rural.

Os nacionalistas critican ademais a xestión do executivo municipal, ao que acusan de carecer de planificación e de optar polo tipo impositivo máximo en lugar de apoiar ás persoas que queren vivir, traballar e investir en Baleira. Neste contexto, o BNG pide ao alcalde do Concello de Baleira que recapacite, deixe o imposto nas condicións anteriores e traballe noutras vías de financiamento municipal que non supoñan incrementar a carga fiscal sobre a veciñanza.

A formación considera que a actual subida penaliza especialmente á mocidade que pretende incorporarse á gandaría familiar ou impulsar proxectos ligados ao territorio, cando, ao seu xuízo, debería contar con apoio institucional en lugar de maiores obstáculos económicos.

⚙ Configurar cookies
0.080398082733154