O BNG de Baleira critica o abandono do Cádavo e esixe un plan de mellora integral

LugoXa
A formación nacionalista denuncia deficiencias en seguridade viaria, accesibilidade e iluminación no núcleo da capital municipal, situada no Camiño Primitivo
BNG-Baleira
7 Jul 2025

O Bloque Nacionalista Galego en Baleira denuncia a situación de deterioro que, segundo a formación, sofre o núcleo do Cádavo pola inacción do executivo municipal. A localidade, que é capital do concello e punto estratéxico no percorrido do Camiño Primitivo, presenta múltiples carencias que afectan tanto á veciñanza como ás persoas peregrinas que transitan por ela.

Entre os problemas destacados, o BNG sinala a ausencia de pasos de peóns na estrada de Meira, o que dificulta o cruce seguro especialmente para a poboación infantil, os maiores e os camiñantes. Tamén critican que non existan sinais luminosas que alerten da entrada ao núcleo urbano nin dispositivos que contribúan a reducir a velocidade dos vehículos, aumentando así o risco de accidentes.

Outros elementos que agravan a situación son a existencia de valados sen finalizar en zonas moi transitadas, que supoñen un perigo, e un colector situado xusto aos pés das escaleiras dunha beirarrúa, obstaculizando o paso e vulnerando os criterios de accesibilidade. Ademais, o BNG denuncia o estado de rúas sen asfaltar, a escaseza de papeleiras e unha iluminación pública deficiente que compromete a seguridade durante a noite.

Tino Díaz, concelleiro nacionalista en Baleira, lamenta que “é inadmisible que, no século XXI, unha vila que é capital dun concello e paso do Camiño de Santiago careza dos mínimos elementos de seguridade viaria e dunha mínima planificación urbana”. Acusa ao goberno municipal do Partido Popular de pasividade e de permitir un deterioro progresivo do núcleo do Cádavo.

O BNG demanda a posta en marcha inmediata dun plan integral de mellora que contemple a creación de pasos de peóns, a instalación de sinais luminosas para controlar a velocidade, a eliminación de obstáculos nas beirarrúas, a finalización das zonas valadas, o asfaltado das rúas, a colocación de papeleiras e unha intervención urxente para renovar o sistema de iluminación pública.

⚙ Configurar cookies
0.17141509056091