O BNG de Baleira denuncia a falta de seguridade tras o incendio nunha nave municipal

O BNG de Baleira acusou ao goberno municipal de grave irresponsabilidade despois do incendio rexistrado nunha nave alugada polo Concello que se utilizaba para gardar maquinaria e que, segundo denunciaron, funcionaba tamén como un punto limpo ilegal no que se acumulaban refugallos sen ningunha medida de seguridade contra incendios.
O voceiro municipal do BNG, Tino Díaz, criticou que esta situación “é un exemplo máis da deixadez coa que o Concello xestiona recursos públicos, poñendo en risco tanto os bens municipais como a seguridade das veciñas e veciños”. Engadiu que a nave “non reunía ningunha condición mínima: sen medidas de prevención, sen control dos materiais acumulados e convertida de feito nun vertedoiro improvisado”.
A formación nacionalista lembrou que o Concello ten a obriga de garantir que as instalacións municipais cumpran coa normativa vixente, en especial en materia de prevención de riscos laborais e seguridade contra incendios. Ademais, vincularon a existencia deste punto limpo ilegal ao mal funcionamento do servizo de recollida de pertenzas de uso doméstico a domicilio, que estaría obrigando á veciñanza a recorrer a alternativas como a nave ou a empregar os puntos de recollida de plásticos agrícolas como vertedoiros incontrolados.
Desde o BNG esixen explicacións públicas inmediatas por parte da Alcaldía e que se aclaren as condicións do alugueiro da nave, quen autorizou o seu uso e que medidas se adoptarán para evitar que se repitan feitos similares. “É imprescindible que se asuman responsabilidades e que se garantan instalacións seguras e legais, porque o que pasou non é un accidente illado, senón o resultado directo da improvisación e da falta de xestión seria”, concluíu Díaz.