O BNG de Baleira denuncia unha atención médica deficitaria

O BNG de Baleira denuncia publicamente a grave situación que está a sufrir o centro de saúde do concello, onde durante varias semanas a atención médica quedou reducida a tan só dous días á semana. Un feito que pon en risco a saúde da veciñanza, especialmente nun concello rural e disperso como Baleira, cunha poboación maioritariamente envellecida que precisa dun seguimento médico continuado.
“Non podemos permitir que se normalice a precariedade asistencial no rural”, sinala o concelleiro do BNG, Tino Díaz. “A atención primaria é a primeira liña do sistema sanitario e o que está a acontecer en Baleira é un recorte encuberto que vulnera o dereito da veciñanza a unha sanidade pública, próxima e de calidade”.
O grupo nacionalista presentou unha moción no pleno municipal instando á Xunta de Galicia a cubrir de forma urxente e permanente as prazas de persoal médico necesarias para garantir a atención sanitaria diaria no centro de saúde. A iniciativa tamén solicita ao Goberno do Estado que, no marco das súas competencias, inste ao executivo galego a restablecer de inmediato o servizo médico completo.
Desde o BNG tamén se critica o silencio do alcalde de Baleira ante esta situación, lembrando que exerce como médico e debería ser o primeiro en estar concienciado da importancia de garantir unha atención sanitaria digna e diaria para a súa veciñanza. “É incomprensíbel que quen coñece de primeira man a gravidade da falta de atención médica non estea a liderar a defensa dos intereses do seu propio concello ante a Xunta”, lamenta Díaz.
Para o BNG, é imprescindible que a Xunta asuma a súa responsabilidade e deixe de desatender as necesidades sanitarias da poboación rural. “Non pode haber galegas e galegos de primeira e de segunda. Queremos o mesmo trato que calquera outra zona do país. A sanidade non pode depender do código postal”, concluíu Tino Díaz.