O BNG de Baleira pregunta polo cambio de localización da ITV móbil

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) en Baleira, a través do seu concelleiro Tino Díaz, presentará no vindeiro pleno unha batería de preguntas sobre o recente cambio na localización da Inspección Técnica de Vehículos (ITV) móbil no municipio.
Nos últimos tempos, a ITV móbil tiña a súa sede na parroquia de Martín, un punto estratéxico que permitía a acceso a vehículos agrícolas de diferentes parroquias de Baleira, Pol, Ribeira de Piquín e A Fonsagrada.
Porén, a recente mudanza da ITV a outra localización non foi ben recibida pola veciñanza, que agora se ve obrigada a desprazarse varios quilómetros por estradas de montaña para acceder ao servizo.
Tino Díaz cuestiona as razóns detrás deste cambio e anunciou que durante o vindeiro pleno preguntará "a que se debe ese cambio de localización, se houbo cambios nas condicións para poder emprazarse a ITV móbil no mesmo lugar onde se viña colocando nestes últimos tempos".
O concelleiro subliña a confusión e preocupación da veciñanza de Martín, que considera que a decisión do Concello lles prexudica, obrigándoos a percorrer máis distancia e con maior dificultade, debido ás condicións das estradas.
Por outra banda, Díaz critica o Partido Popular, afirmando que "se lle enche a boca falando de rural galego pero, á hora da realidade, o único que fan é quitar servizos á veciñanza". O concelleiro do BNG lembra que "o rural galego precisa dunha discriminación positiva, non que lle sigan a minguar servizos pouco a pouco".
O cambio na localización da ITV móbil en Baleira xera un novo foco de debate na política local, e o BNG espera que o pleno do vindeiro mes aclare as causas desta decisión.