O BNG de Baleira reclama nos Orzamentos de 2026 iniciativas para mellorar o municipio

O BNG de Baleira vén de rexistrar dúas emendas aos Orzamentos da Xunta de Galicia para 2026 co propósito de dar resposta a dúas demandas prioritarias para a veciñanza do municipio: a posta en marcha dun sistema estable de recollida de plásticos agrícolas e a mellora da seguridade viaria na rotonda na que conflúen a LU-530 e a LU-750.
A primeira emenda solicita crear un programa permanente de financiamento que permita organizar campañas anuais de recollida destes residuos, habilitar puntos de acopio e garantir o transporte até xestores autorizados, en coordinación coa Consellería do Medio Rural e cos concellos afectados. A proposta procura asegurar unha xestión adecuada dos filmes de ensilado, dos plásticos empregados en invernadoiros e doutros materiais derivados da actividade agraria.
O concelleiro nacionalista Tino Díaz lembrou que “até 2017 a Xunta mantivo un plan específico para a recollida de plásticos agrícolas, mais foi suprimido sen ofrecer alternativa algunha, deixando aos concellos rurais totalmente desamparados”. Segundo explicou, esta situación xerou “acumulación de residuos nos puntos limpos, queimas irregulares, transporte descontrolado e un custo inasumíbel para municipios pequenos como o noso”.
A segunda das emendas propón acometer unha intervención integral para mellorar a seguridade viaria na rotonda e na intersección das dúas estradas, un punto sinalado como especialmente perigoso dentro do concello. A iniciativa inclúe recuperar a caída natural do terreo rebaixando a altura da plataforma para facilitar o paso e o xiro dos camións, incorporar pasos de peóns e reforzar a sinalización tanto vertical como horizontal.
Neste sentido, Díaz advertiu de que “falamos dun lugar con moita intensidade de tráfico, no que se producen situacións de risco diario para condutores e peóns”, ao tempo que cualificou de “inadmisíbel que a Xunta continúe sen actuar nun asunto que afecta directamente á seguridade e á vida das persoas”.
Desde o BNG de Baleira insisten en que estas emendas responden a necesidades reais e non a intereses partidistas. “Son cuestións ambientais, de saúde e de seguridade. Elementos fundamentais para garantir unhas condicións mínimas de vida no rural”, subliñou o edil.
Ademais, o BNG critica que os Orzamentos da Xunta para 2026 non inclúen ningún investimento directo no municipio, o que supón “un novo ninguneo político” á veciñanza. Tino Díaz lamentou que “mentres a outros concellos se lles asignan partidas concretas, Baleira queda outra vez excluída de calquera planificación”.