O BNG de Baleira rexeita os orzamentos do PP por falta de planificación e investimento

LugoXa
O portavoz municipal, Tino Díaz, critica que as contas non responden ás necesidades da veciñanza e destina só 70.000 euros a investimentos
BNG-de-Baleira
11 Mar 2026

O Bloque Nacionalista Galego de Baleira, a través do seu portavoz municipal, Tino Díaz, amosa o seu rexeitamento aos orzamentos presentados pola equipa de goberno do Partido Popular ao considerar que “non responden ás necesidades reais da veciñanza nin presentan un proxecto de futuro para o concello”.

Segundo Díaz, as contas municipais evidencian unha clara falta de planificación e de ambición política. “Estes orzamentos demostran a clara ausencia de proxectos, un nulo traballo de planificación e o inmobilismo no que está sumido o Concello de Baleira”, afirma o portavoz nacionalista.

Desde o BNG sinalan que o documento presentado polo goberno municipal non atende ás demandas da veciñanza nin ofrece solucións aos problemas que atravesa o municipio. “Como representantes da cidadanía é responsabilidade das administracións escoitar á veciñanza e velar polos seus intereses, algo que non vemos reflectido nestes orzamentos”, indica Díaz.

A formación critica tamén a escasa aposta polo investimento. Segundo Díaz, o orzamento destina apenas 70.000 euros a investimentos, unha cantidade que consideran claramente insuficiente. “Presentan un orzamento no que só se destinan 70.000 euros a investimento. Con esta cantidade, que actuacións se poden facer realmente en Baleira? Isto demostra o pouco que lles importa que este concello avance”, sinala.

Ademais, desde o BNG lembran que o mantemento das infraestruturas e servizos municipais non pode quedar relegado a un segundo plano. “O mantemento das nosas infraestruturas non debe ser unha opción, debe ser unha obriga para calquera goberno municipal comprometido co seu concello”, engade Díaz.

Fronte a esta situación, o Bloque Nacionalista Galego asegura que continuará traballando para trasladar ás institucións as demandas da cidadanía. “Desde o BNG estamos a falar coa veciñanza para coñecer de primeira man os seus problemas reais e as súas necesidades, algo que debería facer tamén a equipa de goberno”, conclúe o portavoz municipal.

0.12017512321472