O BNG de Becerreá rexeita o acordo UE-Mercosur e defende a sanidade pública

LugoXa
Martín Gómez acusa o PP de dar as costas ao sector primario galego e de desmantelar os servizos sanitarios no rural
Martin-Gómez-BNG-Becerreá
30 Jan 2026

O portavoz do BNG no Concello de Becerreá, Martín Gómez, defendeu no pleno municipal unha proposta de rexeitamento ao acordo comercial entre a Unión Europea e o Mercosur, ao que cualificou de “traizón aos intereses do sector primario galego”. Segundo sinalou, este pacto prioriza sectores con máis peso noutras rexións europeas, como a industria automobilística, fronte á produción agraria e gandeira de Galiza.

Gómez sumouse ás reivindicacións das gandeiras e gandeiros que levan semanas mobilizándose ante a entrada masiva de produtos agrarios procedentes de América do Sur, unha situación que, advertiu, prexudicará especialmente á gandería extensiva de carne en Galiza. O portavoz nacionalista apostou por un modelo produtivo máis sostible, baseado no consumo de produtos locais e de quilómetro cero, e criticou a postura do Partido Popular, ao que acusou de votar a favor do acordo nas institucións europeas mentres mantén un discurso contrario ante os medios.

No pleno tamén se debateu unha moción en defensa da sanidade pública e en apoio á manifestación convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública para o vindeiro domingo 1 en Santiago de Compostela. Gómez denunciou a precarización dos servizos sanitarios no rural, lembrando a falta de pediatra de maneira continuada en Becerreá e a ausencia do servizo de matrona, pese ás promesas da Xunta. “Xa está ben de que nos ninguneen e nos quiten servizos básicos”, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.091530084609985