O BNG de Castro de Rei culpa ao Goberno local da baixada de habitantes por debaixo dos 5.000

O Bloque Nacionalista Galego de Castro de Rei alerta das "gravísimas consecuencias económicas, sociais e institucionais" que pode ter para o concello baixar por debaixo dos 5.000 habitantes, e sinala directamente ao goberno municipal como responsable "da falta de medidas eficaces para frear esta situación".
A concelleira do BNG, Olga García, advertiu de que “baixar de 5.000 habitantes non é un accidente nin unha casualidade, é a consecuencia directa de anos sen planificación, sen proxecto de concello e sen políticas reais para fixar poboación”.
Segundo as estimacións realizadas polo grupo nacionalista, se se confirma a baixada por debaixo dese limiar, Castro de Rei pode perder 800.000 euros ao ano procedentes da Participación nos Tributos do Estado, dos fondos da Deputación e das achegas da Xunta de Galicia. “Estamos a falar de máis de tres millóns de euros menos nun mandato. Cartos que son imprescindibles para manter servizos, facer obras e garantir oportunidades”, subliñou García.
A concelleira foi especialmente crítica co executivo local: “Mentres outros concellos pelexan por atraer poboación con vivenda, solo industrial, servizos sanitarios e sociais e apoio ás familias, en Castro de Rei seguimos instalados na improvisación, sen unha estratexia clara e sen propostas ambiciosas para a mocidade”. Temos un concello sen atención médica, sen actividade cultural, a piques de pechar unha residencia municipal, auga que non se pode beber durante a maior parte do ano, sen vivenda.
Desde o BNG tamén lembran que a perda de poboación implica menos peso político e institucional, con menor número de concelleiros e menor capacidade de presión diante doutras administracións. “Un concello que mingua tamén conta menos, e iso tradúcese en menos investimentos e menos proxectos”, indicou.
Olga García puxo ademais o foco no impacto social: “Cada vez hai máis persoas maiores, máis demanda de Servizo de Axuda no Fogar e de atención á dependencia, pero ao mesmo tempo menos ingresos. Esta combinación é explosiva para as contas municipais, e o goberno local non está a facer nada para evitalo”.
O futuro de Castro de Rei non pode quedar á deriva. Ou se toman decisións valentes para crear emprego, garantir vivenda, mellorar servizos e apoiar o rural, ou este concello seguirá perdendo poboación, cartos e oportunidades. E desa falta de rumbo é directamente responsable o actual goberno municipal”, concluíu a concelleira do BNG.