O BNG de Castro de Rei denuncia esperas de ata un mes para conseguir cita no centro de saúde

O Bloque Nacionalista Galego de Castro de Rei denuncia o “colapso” que se vive no Centro de Saúde de Castro Riberas de Lea, onde aseguran que as demoras para conseguir unha cita médica chegan xa ao mes en moitos casos. A formación responsabiliza á Xunta e á falta de previsión na política sanitaria polos colapsos actuais.
Segundo explicou a concelleira do BNG, Olga García, a situación leva semanas xerando preocupación entre os veciños e veciñas do municipio, que denuncian a imposibilidade de acceder a consultas con normalidade. “A veciñanza chegamos a agardar máis de 15 días para unha consulta ordinaria e mesmo ata un mes para renovar receitas”, sinalou.
García advertiu que esta problemática está a afectar especialmente ás persoas máis vulnerables, como a poboación maior ou quen precisa un seguimento médico frecuente por enfermidades crónicas. Para o BNG, a raíz do problema está nos recortes aplicados polo goberno galego do Partido Popular nos últimos anos, así como na falta de reforzo do persoal sanitario.
A nacionalista tamén apuntou ao peche do consultorio local de Castro de Rei como un dos principais factores da saturación actual. “O peche do consultorio supuxo a sobrecarga directa do centro principal, que xa estaba ao límite. Agora mesmo é absolutamente insuficiente para atender a toda a veciñanza do municipio cun mínimo de calidade”, asegurou.
Desde o Bloque esixen un cambio nas políticas sanitarias tanto da Xunta como do Concello, reclamando un reforzo urxente da Atención Primaria. “A Atención Primaria é a primeira liña de combate sanitario. Se non funciona, acaba saturando os servizos de urxencias e desatendendo ás persoas que máis o precisan”, recalcou a concelleira.
Por último, Olga García pediu ao goberno local que se implique activamente na defensa da sanidade pública e que atenda as demandas da veciñanza. “Non podemos permitir que a cidadanía teña que esperar un mes por unha cita médica. A saúde é un dereito, non un privilexio”, sentenciou.