O BNG de Castroverde alerta da continuidade das deficiencias na atención médica no municipio

O BNG de Castroverde fixo público o seu malestar pola situación que, segundo denuncian, se leva arrastrando dende hai tempo no centro de saúde local.
A formación lamenta que o municipio quede de novo sen médicos de atención primaria, unha carencia que obriga a veciñanza a trasladarse a outros puntos da comarca e que deixa sen asistencia adecuada ás persoas maiores, pacientes crónicos e familias que non poden desprazarse con facilidade.
Os nacionalistas subliñan que non se trata dun episodio puntual, lembrando que durante a semana pasada houbo tamén varias xornadas nas que non se contou con médico de garda, o que provocou tempos de espera prolongados, consultas canceladas e unha sensación xeral de incerteza entre os usuarios. A esta situación súmanse días nos que tampouco estivo dispoñible o servizo de Pediatría.
A portavoz municipal do BNG, Iria Castro, advertiu de que “levamos varios anos con problemas para cubrir as baixas ou vacacións dos médicos e da pediatra; isto non é un caso illado e hai que poñerlle remedio antes das vacacións de Nadal, cando volveremos atoparnos coa mesma situación. Non podemos ser cidadáns de segunda, esiximos unha atención médica digna”.
Ante este escenario, o grupo municipal anunciou que levará ao vindeiro pleno unha moción para que o Concello esixa á Xunta de Galicia que non deixe a Castroverde sen asistencia sanitaria. Consideran que garantir unha atención médica estable é un dereito básico e demandan ao Sergas e ao Goberno autonómico que adopten medidas inmediatas para asegurar a cobertura permanente, especialmente nun concello rural cunha poboación envellecida e con dificultades para trasladarse ata o HULA.