O BNG de Castroverde critica ao PP por rexeitar accións xudiciais contra un presunto fraude de auga

O BNG de Castroverde expresou a súa profunda decepción polo voto en contra do Partido Popular á proposta de iniciar accións xudiciais contra dúas persoas que, segundo informes técnicos, terían cometido un fraude de captación ilegal de auga da traída, deixando case sen subministración durante o mes de agosto a todo o núcleo da Frairía.
Segundo os nacionalistas, esta decisión non pode entenderse como unha simple discrepancia política, senón como un acto de complicidade cos presuntos responsables dun grave prexuízo para a veciñanza, que viu como se malgastaban recursos públicos destinados ao servizo comunitario.
A portavoz Iria Castro subliñou que quen asume un cargo público comprométese a defender os intereses da cidadanía e denunciou que o PP optase por “protexer sospeitosos e tapar un escándalo, ademais de transmitir unha mensaxe perigosa: que se pode defraudar ao público sen consecuencias”.
Dende o BNG reiteraron a súa defensa de abrir a vía legal para esclarecer os feitos e, no caso de que se confirme a culpabilidade, que os implicados asuman as consecuencias. O grupo nacionalista advertiu que non permitirá un uso indebido dun servizo público esencial como é a auga, recordando que o abastecemento constitúe un dereito básico co que non se pode xogar.