O BNG de Castroverde critica o atraso na presentación dos orzamentos municipais de 2026

O BNG de Castroverde, a través da súa concelleira Iria Castro, amosou a súa preocupación ante a falta de presentación dos orzamentos municipais para o ano 2026, unha demora que, segundo a formación nacionalista, incumpre os prazos establecidos pola Lei Reguladora das Facendas Locais.
A norma fixa que os concellos deben remitir ao Pleno da Corporación o orzamento xeral, coa documentación e anexos correspondentes, antes do 15 de outubro para a súa aprobación, emenda ou devolución. “Estamos xa a comezos de novembro, cando deberiamos ter convocado un pleno para aprobalos, e aínda non hai nin rastro deles”, lamentou a edil do BNG.
Desde o grupo nacionalista tamén critican que o alcalde leve tempo ignorando os informes negativos emitidos pola secretaría-intervención, relativos á contratación de servizos de arquitectura externa sen contrato regulador e á adxudicación de reparacións por importes superiores aos dun contrato menor, sen proceder á licitación correspondente.
“Estamos ante unha mala xestión do diñeiro público —afirmou Iria Castro—, xa que o goberno municipal non administra correctamente os impostos de todos e todas. É unha irresponsabilidade que, despois de tantas advertencias, continúen con estas contratacións irregulares”.
A concelleira lembrou que o orzamento é a principal ferramenta de planificación económica e política dun concello, polo que a súa tramitación debería facerse con tempo suficiente para permitir o estudo e debate por parte de todos os grupos. “É inadmisible que a estas alturas sigamos sen coñecer nin unha soa cifra dos orzamentos para 2026”, engadiu.
Desde o BNG agardan que os orzamentos non se atrasen máis, xa que iso implicaría un freo ao funcionamento normal da administración local. “Sempre estamos dispostas a facer propostas e a colaborar, pero para iso o primeiro paso é respectar os prazos legais”, concluíu Castro.