O BNG de Castroverde critica o veto do PP ás emendas aos Orzamentos da Xunta para 2026

O Bloque Nacionalista Galego de Castroverde denunciou que o Partido Popular rexeitou a totalidade das emendas presentadas polo BNG aos Orzamentos da Xunta de Galicia para o ano 2026, unhas propostas encamiñadas a reforzar servizos públicos esenciais e a mellorar a calidade de vida da veciñanza do concello. Desde a formación nacionalista sinalan que a decisión volve deixar fóra actuacións consideradas básicas para un municipio rural como Castroverde.
A portavoz municipal do BNG, Iria Castro, lamentou que “un ano máis, o PP utilice a súa maioría absoluta para bloquear investimentos necesarios en concellos rurais como Castroverde, demostrando unha absoluta falta de compromiso coa seguridade viaria, coa mobilidade e coa atención sanitaria da nosa veciñanza”. Ao seu xuízo, esta postura perpetúa unha dinámica que agrava as desigualdades entre territorios.
Entre as emendas rexeitadas figuraba unha proposta para o cambio e instalación de marquesiñas, así como para a mellora da sinalización horizontal e vertical nas paradas de autobús da estrada LU-530 ao seu paso polo concello. Actualmente existen nove paradas neste tramo, das cales só unha dispón dunha marquesiña en bo estado, mentres que o resto carecen de sinalización adecuada ou presentan infraestruturas deterioradas e mesmo oxidadas.
Iria Castro advertiu de que “nin sequera falamos de grandes obras, senón de condicións mínimas de seguridade”, sinalando que a veciñanza se ve obrigada a agardar o autobús nunha das estradas con máis tráfico, sen ningún tipo de protección, o que supón un risco evidente. Engadiu tamén que esta situación desincentiva o uso do transporte público nun concello cunha poboación envellecida e con moitas persoas en idade escolar que dependen deste servizo.
O PP tamén rexeitou outra emenda do BNG destinada á reforma dos aseos do centro de saúde de Castroverde para garantir a súa accesibilidade, xa que na actualidade non permiten o uso por persoas con mobilidade reducida nin por persoas usuarias de cadeira de rodas. A portavoz nacionalista denunciou que “estamos a falar dunha infraestrutura sanitaria básica nun concello cunha media de idade moi elevada” e advertiu de que a falta de accesibilidade “non só é unha mala práctica, senón que incumpre a normativa vixente e vulnera dereitos fundamentais”.
Desde o BNG de Castroverde consideran que estas decisións poñen de manifesto que “para o goberno do PP na Xunta, os concellos rurais non son unha prioridade” e reiteran que continuarán reclamando investimentos xustos e servizos dignos para a veciñanza. “Non imos resignarnos a que Castroverde siga sendo invisible para a Xunta de Galiza porque o noso concello merece máis”, concluíu Iria Castro.