O BNG de Castroverde denuncia deficiencias na auga da traída municipal polo seu forte cheiro

LugoXa
A formación nacionalista critica a falta de información do goberno local e anuncia preguntas para aclarar as causas e as medidas adoptadas
Iria Castro BNG Castroverde
13 Feb 2026

O BNG de Castroverde fixo públicas as queixas rexistradas a comezos deste mes pola calidade da auga da traída municipal da vila, que, segundo trasladaron numerosos veciños e veciñas, presentaba un cheiro moi desagradable que impedía o seu consumo con normalidade. A formación sinala que o mal olor resultaba evidente tanto na auga destinada a beber como na utilizada para cociñar ou para o aseo diario, o que xerou inquietude na poboación e múltiples reclamacións ao longo de varios días.

A incidencia tamén tivo repercusión no CPI Castroverde, onde o persoal de cociña se viu na obriga de adaptar o menú previsto nalgún momento ante a imposibilidade de empregar a auga con garantías nas tarefas de preparación dos alimentos, co fin de preservar a seguridade alimentaria do alumnado e do profesorado.

Desde o grupo nacionalista lamentan que o executivo municipal non informase oficialmente á cidadanía nin difundise unha comunicación pública explicando o sucedido e pedindo desculpas polos trastornos ocasionados. A voceira municipal, Iria Castro, subliña que ante unha incidencia que afecta a un servizo esencial como o abastecemento de auga “a información debe ser inmediata, clara e transparente”.

A representante do BNG avanzou que a formación rexistrará diversas preguntas para coñecer con detalle as causas que motivaron esta situación, as medidas adoptadas durante eses días e as actuacións previstas para evitar que se repita no futuro. Segundo defende, o goberno local ten a responsabilidade de actuar con transparencia e ofrecer explicacións á veciñanza en todo momento.

O BNG de Castroverde considera imprescindible reforzar os controis sobre a calidade da auga e establecer mecanismos de comunicación eficaces ante calquera incidencia que poida afectar á saúde pública ou á prestación de servizos básicos no municipio.

⚙ Configurar cookies
0.081026792526245