O BNG de Castroverde denuncia que aínda non se presentaran os orzamentos de 2025

LugoXa
"Estamos case a mediados de novembro e aínda non hai proxecto de orzamentos para 2025", denuncia a portavoz nacionalista, Iria Castro
Iria Castro BNG Castroverde
8 Nov 2024

O BNG de Castroverde, a través da súa concelleira Iria Castro, expresa a súa preocupación ante a falta de presentación dos orzamentos de 2025 e demandará a creación dunha praza de arquitectura no Concello de Castroverde.

A Lei Reguladora das Facendas Locais establece a obriga dos concellos de remitir ao Pleno da Corporación o orzamento xeral, informado pola Intervención e cos anexos e documentación complementaria antes do día 15 de outubro para a súa aprobación, emenda ou devolución. Pero "estamos case a mediados de novembro e aínda non hai proxecto de orzamentos para 2025", denuncia a nacionalista.

Ademais, a raíz dun informe desfavorable de tesourería-intervención para a aprobación do último suplemento de crédito, onde se especificaba que o goberno municipal non ten regulada mediante un contrato administrativo a relación laboral coas dúas arquitectas que prestan servizo, o BNG demanda a creación deste posto para estabilizar un servizo de urbanismo "imprescindible nun concello", considera.

Castro defende que "estamos pagando cos cartos de toda a veciñanza por un servizo de 16 horas semanais, ademais os pagos fanse por horas traballadas, non por servizo prestado. Parécenos un despropósito e consideramos que é facer un uso indebido dos recursos do Concello”, denuncia a concelleira nacionalista.

“O BNG sempre avogou pola contratación de persoal a través das institucións e non por usar estas para privatizar servizos, que é o que esta a pasar co posto de arquitecta neste concello”, explica Castro.

Alén disto, o BNG destacou que é o segundo suplemento de crédito que o goberno aproba a pesar de ter un informe de tesourería-intervención desfavorable, facendo caso omiso dos técnicos do concello.

A voceira, Iria Castro explicou que “por unha parte, estamos ante unha mala xestión de diñeiro público, xa que dende o goberno municipal non se controlan as subas das facturas das profesionais, e por outra parte é unha irresponsabilidade por parte do goberno municipal ter contado con servizos de profesionais durante anos sen ningún tipo de contrato administrativo. Dende o BNG de Castroverde presentaranse enmendas ós orzamentos do goberno municipal para a creación desta praza”, concluíu Iria Castro.

0.20258402824402