O BNG de Castroverde denuncia que non se cubren as vacacións de Nadal en pediatría
O BNG de Castroverde denuncia que non se cubren as vacacións de Nadal de pediatría nos 3 concellos que comparten o servizo, que son Castroverde, Baleira e A Fonsagrada.
Así, a portavoz nacionalista, Iria Castro, di que xa o ano pasado, nestas datas, o SERGAS non cubriu as vacacións dos profesionais de medicina familiar, deixando Castroverde sen médico ata despois das datas de Nadal ou cubríndoo moi puntualmente sen avisar.
A portavoz do BNG manifesta que “non cubrir as vacacións da pediatra é algo recorrente, non algo que pase de forma illada e cando isto pasa, as familias vense obrigadas a ir a urxencias e incluso recorrer ás urxencias do HULA, o que pode aumentar a saturación das mesmas, dado as datas nas que estamos".
"Dende o BNG cremos que teñen dereito ó mesmo servizo durante todo o ano, independentemente de se a titular da praza colle vacacións ou non. Isto é unha mostra máis do desmantelamento da sanidade no medio rural, onde aquí non cobren as vacacións da pediatra e noutros concellos directamente eliminan este servizo e deixan só unha enfermeira pediátrica", sostivo.
Por iso, desde o BNG de Castroverde demandarán que se cubran sempre as vacacións da titular, é o dereito de todas as familias.