O BNG de Castroverde levou unha batería de actuacións ao pleno para o Plan Único 2022

LugoXa
Las propuestas del BNG de Castroverde para los fondos del Plan Único de la Diputación en el pleno de enero fueron desestimadas.
castroverde concello
28 Jan 2022

O Bloque Nacionalista Galego en Castroverde levou unha batería de propostas ao pleno municipal, celebrado hoxe, para engadir dentro do programa da Deputación de Lugo, Plan Único 2022.

Por conseguinte, o BNG propón a contratación dun técnico de turismo, a aplicación de medidas para paliar os efectos socioeconómicos da COVID-19 a través de axudas, tanto ás empresas locais de comercio e hostalaría como ás ganderías. E tamén, a realización dun inventario de camiños municipais.

O resultado do debate destas medidas impulsadas polo BNG foi o rexeitamento do goberno municipal.

A concelleira do BNG en Castroverde, Iria Castro, destacou que con esta decisión o goberno municipal está a paralizar e deixar atrás Castroverde “o goberno municipal está negándolle á veciñanza unha batería de medidas que son necesarias neste momento”

Iria Castro explicou as consecuencias desta decisión adoptada polo goberno municipal “Castroverde perdeu a oportunidade de contar cun técnico de turismo para destacar todas as nosas potencialidades paisaxísticas e patrimoniais xunto co Camiño Primitivo neste ano Xacobeo, garantindo un servizo turístico profesional e atractivo para moitas persoas visitantes”

A concelleira nacionalista destacou que neste programa provincial podíanse aplicar partidas para axudar aquelas persoas que tiveran, ou teñen problemas económicos, relacionadas coa pandemia da COVID-19 “perdemos a oportunidade de ofertar axudas aquelas persoas que se están vendo afectadas pola pandemia, como por exemplo, con bonos para pagar a luz do seu comercio ou da súa explotación gandeira” declarou Iria Castro.

Iria Castro destacou que estas medidas non teñen un custe nas arcas municipais “as actuacións son plenamente a cargo da Deputación, a decisión é do goberno municipal de onde investir eses cartos, por isto, desde o BNG defendemos que as medidas que impulsamos teñen suficiente peso para pór a funcionar e acadar máis servizos e vantaxes á veciñanza”

0.15966391563416